Vigo busca nome para unha das súas prazas mais emblemáticas da zona vella
A asociación Vigo Histórico ten en marcha unha campaña nas redes sociais para que elixan os veciños
Cinco son as propostas iniciais: praza do Baluarte, da Dilixencia, e as máis repetidas xa do Solpor, A Oliveira ou A Fonte
Vigo busca nome para unha das súas prazas máis emblemáticas. Está na zona vella, a carón do Paseo de Alfonso, e mira ás illas Cíes. A Asociación Vigo Histórico ten en marcha unha campaña nas redes sociais para que elixan os veciños.
Cinco son as propostas iniciais da Asociación. Praza do Baluarte, da Dilixencia e as máis repetidas xa do Solpor, A Oliveira ou A Fonte. Nas redes sociais votan por estas, pero tamén hai outras que collen peso, como a praza das illas Cíes ou algunhas relacionadas con autores e artistas que tiveron en conta esta praza nas súas obras.
A idea é manter a campaña ata despois de Semana Santa e trasladar o resultado, o que elixa a cidadanía, de xeito formal ao Concello de Vigo.
O xogo comezou hai xa uns meses para descubrir a través de pistas cal era esta praza sen nome. Todo grazas á axuda dos alumnos da escola Aula D, que idearon a misteriosa campaña para que este espazo tan visitado saia do anonimato.