Rescatan unha muller con queimaduras graves do incendio no seu piso na Coruña
O lume prendeu no cuarto onde durmía a muller, que apareceu xa inconsciente
Os servizos de emerxencia tiveron moitos problemas para derrubar a porta e tardaron en acceder á vivenda
Unha moza de 35 anos está ferida de gravidade por un incendio na súa vivenda da Coruña. Os bombeiros rescatárona xa inconsciente, con queimaduras por todo o corpo.
O lume comezou no cuarto da muller. Quixo a fatalidade que estivera soa na casa.
"Ela normalmente sempre leva compañía para a casa, amigas ou quen sexa e desta vez a mala sorte, quedou durmida,... a mala sorte. Seguramente estaba durmindo e tiña o costume de fumar na cama. Eu tíñao porhibido pero...", lamenta o avó da vítima.
Un veciño alertou a emerxencias ao ver saír moito fume por unha ventá. Foi un rescate tremedamente complicado e os bombeiros tardaron en poder entrar.
"Tiña a chave botada, deulle dúas voltas e deixou a chave por dentro. A policía tentou entrar primeiro a patadas, despois cun cincel, despois foron buscar unha pata de cabra e finalmente entraron cunha radial", explica unha veciña que o viviu todo en primeira persoa.
Finalmente, conseguiron sacar a muller, de 35 anos, xa inconsciente e con queimaduras por todo o corpo... moi grave.
"Cando a sacaron ía moi mal. Din que a reanimaron na ambulancia pero ía mal", sinala a veciña.
"Está con osíxeno e está coma morta. Dixéronme que ben non estaba", confirma o avó.
A Policía Científica acudiu pola mañá ao domicilio para analizar como e por que comezou o lume. Entre a veciñanza, máis desgusto ca sorpresa. Temían algo así.
"Entraba xente a calquera hora. Ten habido patadas na porta, que eu ao primeiro cando escoite os golpes, pensei que xa estaba outra vez cos seus follóns porque cando non conseguían abrir... de feito, xa tiña a porta fendida. Rompéronnos o cristal, a manilla, ... Eu ao primeiro, pensei que era outro follón pero despois os golpes xa eran desmesurados", engade a muller.
Afortunadamente, o lume non se estendeu a outros pisos. Nin sequera houbo que evacuar os veciños.
Á espera do resultado da investigación, todo apunta a que as lapas prenderon no armario. Os estragos son importantes, tanto no interior como no que se pode ver dende fóra.