Publicador de contidos
Publicador de contidos

O cribado de cancro colorrectal do Sergas detectou en dez anos máis de 2.600 tumores

O cribado de cancro colorrectal do Sergas detectou en dez anos máis de 2.600 tumores

Máis do 65% deles estaban en fases iniciais

Este é o cancro máis frecuente en Galicia e o segundo con máis mortalidade, con 1.100 falecementos ao ano

G24.gal 20/01/2025 19:55

O programa de cribado de colon que puxo en marcha o Sergas hai xa dez anos permitiu detectar un total de 2.600 tumores. Máis do 65% deles estaban en fases iniciais.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, subliñou estes datos e a relevancia que ten este cribado para salvar vidas, xa que este é o cancro máis frecuente en Galicia e o segundo con máis mortalidade. Causa 1.100 falecementos ao ano.

Estes datos forman parte do informe presentado este luns durante o Consello da Xunta.

O programa, destacou o Goberno galego, iniciouse na área de Ferrol no ano 2013 e na actualidade está implantado en toda Galicia. En xullo do ano 2019 completouse unha rolda de cribado en todas as áreas sanitarias.

Desde o inicio deste programa, que desenvolve a Dirección Xeral de Saúde Pública, enviáronse 2.331.114 invitacións a participar, o que supón preto dun 99% de homes e mulleres de 50 a 69 anos.

Así mesmo, o informe constata que nos últimos anos existe unha tendencia ascendente na participación, de maneira que no 2023 superou o 54% derivada, en parte, polo cambio de estratexia do programa, que pasou no 2022 a enviar directamente os tests aos domicilios.

Por xéneros, as mulleres lideran a participación, cunha taxa do 56%, fronte ao 44% dos homes. Existen diferenzas na taxa de positividade global, máis alta nos homes, 7,14%, fronte ao 4,54% en mulleres.

Desde o inicio do programa e ata decembro de 2023, realizáronselles colonoscopias a 56.641 persoas e detectáronse 23.100 persoas con lesións que requiren vixilancia con colonoscopia, o que supón unha taxa de detección de lesións a seguimento do 21,6% por cada 1.000 persoas.

Para a Xunta, todos estes datos reflicten que o programa galego está a cumprir cos obxectivos marcados, tanto a nivel nacional como europeo. Como valor engadido, o programa incorpora as actividades de seguimento mediante colonoscopia de todas as persoas ás que se lles detecta un risco alto ou intermedio de padecer un cancro colorrectal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade