A Xunta quere optimizar a atención sanitaria mellorando a xestión das historias clínicas
A Xunta quere optimizar a atención sanitaria mellorando a xestión das historias clínicas
Un equipo interdisiplinar de profesionais integra o comité que asesorará a Sanidade
Un equipo interdisciplinar de profesionais da sanidade pública integra o Comité Asesor de Resultados en Saúde, creado para trazar o camiño cara a unha atención sanitaria máis preventiva e resolutiva.
Conseguilo pasa por realizar unha xestión máis intelixente dos datos que proporciona a historia clínica electrónica dos pacientes.
Hai máis de 3.000 millóns de datos recollidos na historia clínica electrónica do Sergas. A última versión do sistema, o IANUS 5, permite xestionar dunha maneira máis transversal e colaborativa esa inxente e valiosa información.
"Ata o de agora o que facemos é medir se estamos facendo ben o que temos que facer. Isto é un paso máis: facendo ben o que temos que facer, os resultados son os que queremos acadar? É cambiar un pouco a forma de traballar dos profesionais intentando que tamén sexa máis doado para nós ver eses resultados", explica Nieves Domíguez González, integrante do Comité Asesor de Resultados en Saúde.
O Comité Asesor de Resultados en Saúde traballará para optimizar a utilización da última actualización do IANUS entre os profesionais da sanidade. Trátase de avanzar cara a un modelo de asistencia máis eficaz e proactivo.
"Se ti ves nun pantallazo que pacientes teñen máis risco ou en que pacientes as cousas non están indo ben é máis fácil que poidamos facer un traballo máis proactivo. Con este traballo máis ordenado, os resultados serán máis fáciles de ver".
A historia clínica electrónica do Sergas é utilizada por máis de 26.000 profesionais sanitarios ao ano.