Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia bate unha marca histórica en transplantes de órganos, con 424 o ano pasado

Galicia bate unha marca histórica en transplantes de órganos, con 424 o ano pasado

Os órganos transplantados proceden de 137 doadores, outra cifra que supón un récord na secuencia histórica

Xa son 126.000 as persoas que dispoñen de tarxeta de doazón na nosa comunidade

G24.gal 18/01/2025 14:10 Última actualización 18/01/2025 14:48

A doazón de órganos transforma a dor de moitas familias nunha oportunidade de vida para outras persoas. É como unha transfusión de futuro para quen ten un precario presente e en Galicia esa realidade bate un novo récord.

Foron 424 as intervencións no 2024, un 28 % máis có ano anterior. España leva sendo líder mundial en transplantes durante 33 anos seguidos e Galicia ocupa un lugar importante nese contexto.

 "Galicia acadou unha taxa de transplante que está 27 puntos por enriba da media nacional. Polo tanto, isto fala moito e moi ben de como estamos a facer as cousas, penso. Todos os programas, todas as medias superan a media nacional, agás o programa de ril que está nunhas cifras semellantes. E a actividade transplantatoria na comunidade bate tamén todos os récords anteriores desde que temos rexistro do programa, alá polo ano 1981", explica a directora de ADOS, Marisa López.

Desde ADOS (a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos) valoran que o número de doantes segue a aumentar. Hai xa 126.000 galegos e galegas con tarxetas de doazón e o ano pasado aumentaron en case 2500. Uns números que falan de solidariedade.

"Nestes intres oito de cada dez familias din si á doazón. Aínda así, temos que seguir traballando e insistindo en que hai que falar dentro do contexto familiar da vontade de doar", sinala Marisa López.

Outro dato significativo é que se reduciron as listas de espera para recibir un transplante. Nestes momentos sitúanse por debaixo dos 200 pacientes. Son concretamente 193 as persoas que agardan por un órgano e que seguen apostando pola esperanza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade