Publicador de contidos
Publicador de contidos

Queda visto para sentenza o xuízo por contrabando do caso Nené Barral tras 25 anos de procedemento

Queda visto para sentenza o xuízo por contrabando do caso Nené Barral tras 25 anos de procedemento

Algúns dos implicados, incluído o exalcalde de Ribadumia, foron falecendo, polo que só haberá oito procesados no banco

Iniciado en 1999, é o procedemento xudicial aberto máis antigo de España

Imaxe de arquivo de Nené Barral en maio do 2001 Imaxe de arquivo de Nené Barral en maio do 2001
G24.gal 20/01/2025 17:36

O procedemento coñecido como caso Nené Barral, aberto hai 25 anos contra o exalcalde de Ribadumia e varias persoas máis por contrabando de tabaco, quedou este luns visto para sentenza tras a celebración do xuízo na sección cuarta da Audiencia de Pontevedra, con oito dos procesados no banco, xa que o resto foron falecendo, entre eles o propio Nené Barral.

O procedemento xudicial, o máis antigo de España pendente de resolución, iniciouse no Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía no ano 1999 polo xuíz José Antonio Vázquez Taín.

Dos doce procesados iniciais nesta causa por contrabando de tabaco, este luns sentaron no banco de acusados tan só oito, xa que catro morreron neste tempo, entre eles o suposto xefe, o exalcalde de Ribadumia José Ramón Barral Martínez, coñecido como Nené Barral, falecido en novembro de 2023.

O seu irmán Feliciano, tamén acusado, fixo uso do seu dereito á última palabra no xuízo para insistir na súa inocencia e manifestar perante o tribunal: "Quero vivir porque levo 24 anos sufrindo e sufrindo e sufrindo".

Foi similar a alegación final do seu compañeiro de banco José Manuel S. G. "Levo 25 anos sufrindo este calvario, non me quedan forzas". O resto de acusados acolléronse ao seu dereito a non declarar.

Ao finalizar a práctica da proba, o fiscal Augusto Santaló mantivo nas súas conclusións as peticións de condena de entre dous e tres anos de cárcere e multas de entre 1,8 e 15 millóns de euros polo delito de contrabando; e por revelación de segredos por parte de funcionario público, que se traduciría en multas de 5.400 euros.

O representante do Ministerio Público recoñeceu que "non é lóxico" estar a xulgar este caso 25 anos despois, nunha situación "absolutamente anormal".

A Fiscalía mantén que os procesados formaban parte dunha organización internacional que introduciu polo porto de Vigo catro contedores con 400.000 paquetes de tabaco marca Magnum especial. Con todo, un auto emitido pola Audiencia pontevedresa o 1 febreiro de 2023 anulou todas as escoitas telefónicas que fundamentaban a acusación.

Pola súa banda, os avogados das defensas pediron a absolución dos seus patrocinados, e tamén fixeron fincapé na gran demora na tramitación desta causa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade