O Sergas detecta 13.600 baixas laborais inxustificadas desde xuño tras revisar uns 20.000 casos
O Sergas detecta 13.600 baixas laborais inxustificadas desde xuño tras revisar uns 20.000 casos
A Xunta realizou un plan de seguimento das incapacidades temporais para tratar de optimizar os procesos das baixas
Os hospitais comarcais de Ribeira e Cee terán unidades de día de oncohematoloxía este 2025 por 1,4 millóns de euros
A Consellería de Sanidade emprendeu desde xuño de 2024 un plan especial de inspección de incapacidades temporais polo cal revisou uns 20.000 casos. De todos eles, detectou que o 67,6% destas baixas, un total de 13.684, non estaban xustificadas.
Son cifras que deron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro do ramo, Antonio Gómez Caamaño, na súa comparecencia ao termo da primeira reunión do Goberno galego de 2025, en que se avaliou un informe sobre o "proceso de mellora" da xestión das incapacidades temporais posto en funcionamento o ano pasado.
Ambos os dous explicaron que as áreas sanitarias de Santiago-Barbanza, Ferrol e Lugo-A Mariña Monforte eran as tres con maiores índices de absentismo laboral e que, por iso, Sanidade implantou unidades de apoio para revisar todos os casos.
O caso da área de Santiago-Barbanza é o máis rechamante, porque a Administración galega detectou que "só o 44,18 %" do total das baixas estaban realmente xustificadas, segundo concretou o conselleiro. Na de Ferrol, a porcentaxe era do 61,34 %, mentres que en Lugo, do 60,99 %.
O que fixo o servizo de Inspección de Sanidade foi citar presencialmente esas máis de 20.000 persoas que estaban de baixa -tamén traballadores públicos- e entrevistarse cos médicos de cabeceira.
Un plan para "reducir e axilizar os trámites"
Todo responde a un plan da Xunta para "reducir e axilizar os trámites" sobre as incapacidades temporais, pero "con garantías". "As persoas que teñan unha causa xustificada, están no seu dereito (de estar de baixa), faltaría máis. Pero que estas persoas estean nesta situación e non haxa razóns obxectivas para iso provoca índices de absentismo moi preocupantes", aseverou Alfonso Rueda.
Posteriormente, o conselleiro sinalou que é un "problema multifactorial" que ten un "amplo impacto" na sociedade, tamén a nivel económico para o sistema público "que é o que paga".
Caamaño afirma que "mellorando os mecanismos de seguimento e control é posible minorar o número e a duración dos procesos de incapacidade temporal, sempre con plenas garantías de asistencia sanitaria para todos os afectados"
A preguntas dos medios, o titular de Sanidade recoñeceu que son os propios médicos os que conceden as baixas laborais. Por iso mesmo, explicou, a Xunta pon medidas como a "formación continua" aos profesionais".
Para ese efecto, en 2024 os mir de Medicina Familiar e Comunitaria rotaron tamén polas unidades de inspección e control de saúde laboral das catro provincias. Ao final, dixo Gómez Caamaño, as medidas do plan "van enfocadas a todo o proceso".
Nesta liña, o conselleiro destacou que as probas que realizan as mutuas xa están incluídas na historia clínica electrónica de cada paciente no Sergas. Así, ao longo do ano pasado, a sanidade pública galega autorizou 10.806 probas feitas polas aseguradoras.
Outra das medidas é fixar unha cita presencial para a seguinte consulta nos partes de baixa emitidos polo facultativo de Primaria, que estima a duración do proceso de incapacidade temporal e que establece a data do próximo recoñecemento. Isto evitará que o paciente deba solicitar a consulta e corra o risco de que non haxa oco.
Ademais, o Sergas xa traballa para que, desde este xaneiro, os servizos de admisión dos hospitais poidan emitir partes de incapacidade temporal en caso de, por exemplo, unha cirurxía. Deste xeito, o paciente non tería que acudir ao día seguinte ao seu centro de saúde.
O informe presentado este luns por Sanidade no Consello da Xunta inclúe tamén a posibilidade de contar con unidades especializadas de consulta para as baixas, particularmente coas patoloxías músculo-esqueléticas e a psiquiatría menor.
Unidades oncohematolóxicas en Ribeira e Cee
Por outra banda, Alfonso Rueda anunciou que o Hospital do Barbanza, en Ribeira, e o Virxe da Xunqueira, en Cee, contarán desde este ano con hospitais de día de Oncohematoloxía, para os que se destinarán 1,4 millóns de euros en total.
A previsión é evitar que un milleiro de pacientes (640 do centro comarcal de Ribeira e outros 365 do de Cee) teñan que desprazarse aos hospitais de cabeceira en Santiago e A Coruña para recibir tratamento.
Así mesmo, segundo confirmou o conselleiro de Sanidade, en declaracións aos medios, "por suposto" que se contratarán profesionais para ambas as dúas unidades.