Santiago pedirá a declaración de toda a cidade como zona residencial tensionada
Santiago pedirá a declaración de toda a cidade como zona residencial tensionada
É unha medida contemplada na lei estatal de vivenda que permitiría a regulación do prezo dos alugueiros
A declaración solicítaa o Concello e ten que autorizala a Xunta
O concelleiro de Urbanismo e Vivenda de Santiago, Iago Lestegás, informou este luns de que toda a cidade cumpre cos requisitos para solicitar á Xunta a declaración de zona de mercado residencial tensionado, unha medida contemplada na lei estatal de vivenda que permitiría a regulación do prezo dos alugueiros.
O concelleiro participou nunha conferencia de prensa xunto aos tres investigadores do Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña, Raimundo Otero Enríquez, Estefanía López Salgas e Alberto Rodríguez Barcón; que presentaron o estudo no que o municipio se apoia para formalizar a declaración de zona tensionada.
O estudo, encargado polo Concello de Santiago, sinala que o municipio cumpre con dous dos criterios para solicitar a devandita declaración en todo o seu territorio, de maneira que o Goberno local dirixido pola nacionalista Goretti Sanmartín activará o resto de trámites para poñer en marcha unha medida que permitirá que as administracións públicas poidan regular o prezo do alugueiro.
Lestegás destacou "o rigor metodolóxico" e "a claridade" dos resultados do informe, que tiña como principal obxectivo "coñecer se o municipio cumpre os requisitos para ser declarado zona de mercado residencial tensionado", algo que á luz do estudo queda acreditado "de forma inequívoca".
A lei de Vivenda establece que para declarar unha zona tensionada debe concorrer polo menos una das catro circunstancias previstas na lei, e no caso de Santiago cúmprense ata dous delas. Por unha banda, o custo medio do alugueiro máis os gastos básicos e subministracións representan máis do 30 % do ingreso familiar medio; e, por outro, a taxa acumulada de variación do prezo medio do alugueiro nos últimos cinco anos supera o incremento do IPC en máis de tres puntos porcentuais.
Raimundo Otero, que afirmou que en Santiago, entre 2018 e 2023 produciuse un incremento do alugueiro medio do 46,2 %, mentres que o IPC aumentou un 20,8 %. Ademais sinalou que a carga media do alugueiro na capital galega supera o 31,1 % da renda media do alugueiro, sumando os gastos e subministracións básicos. O estudo apunta ademais a que é o alugueiro o que produce "un estrés" no mercado residencial.
Segundo Lestegás, o estudo detecta que a tensión no mercado residencial é maior nas zonas que teñen niveis de renda máis baixos, de maneira que existe "unha relación directa entre a tensión no mercado residencial e a vulnerabilidade socioeconómica".
As seccións censuais con menor nivel de ingresos por fogar corresponden a Belvís e Quiroga Palacios (26.571 euros), Vite-Avenida de Castelao (27.758 euros) e Home Santo (27.882 euros); mentres que as que presentan un nivel de renda máis elevado son Hórreo (51.630 euros), Montero Ríos (49.798 euros) e Praza de Galiza (49.417 euros)-todas no Ensanche-.
A renda neta media por fogar na zona máis rica de Santiago é case o dobre que a da máis pobre, e hai unha diferenza de máis de 25.000 euros entre eles, sinalan no informe.
Para o segundo indicador, o custo media do alugueiro e gastos básicos en relación ao ingreso media do fogar, o municipio no seu conxunto cumpre as condicións para ser declarado zona de mercado residencial tenso, xa que 44 das 75 zonas superan individualmente o 30 % que establece a lei.
Con estes datos, o concello elaborará o proxecto de plan específico coas medidas correctoras que a Xunta esixe aos concellos. Unha vez concluído, no "primeiro trimestre" deste ano constituirase a mesa sectorial de vivenda. Tras o proceso de información pública do estudo realizado remitirase toda a información á Xunta para que inicie o trámite de declaración de zona tensionada, cuxo prazo Lestegás non puido concretar.