Un home de 82 anos queda sen casa en Xinzo ao arder nun incendio fortuíto
Un home de 82 anos queda sen casa en Xinzo ao arder nun incendio fortuíto
O dono, que estaba dentro, tivo que ser atendido por inhalación de fume
Un curtocircuíto puido orixinar o lume que calcinou o 90 % da vivenda
Un incendio calcinou case por completo unha vivenda do lugar de San Vitoiro, na parroquia de Ganade, no concello de Xinzo de Limia. O propietario de 82 anos, que estaba dentro, tivo que ser atendido por inhalación de fume pero non foi necesario trasladalo a un hospital.
As lapas comezaron ás 21:00 horas no baixo, onde había leña gardada. O dono, Manuel, alertou a veciñanza. Nun primeiro momento, tentou extinguir o lume cunha mangueira, pero non funcionaba por falla de electricidade.
Os bombeiros de Xinzo lograron sufocar o incendio, pero o 90 % da estrutura, con trabes de madeira, quedou destruída. No operativo tamén participaron axentes da Garda Civil, da Policía Local, persoal sanitario do 061 e efectivos de Protección Civil.
Segundo os primeiro indicios, a causa do incendio podería ser un curtocircuíto na instalación eléctrica, moi antiga xa que a casa ten 84 anos.
Agora Manuel, segundo relatou á TVG, vai ter que marchar a vivir cunha sobriña, na mesma parroquia. Das lapas, só puideron salvar algo de roupa e a medicación.