Deteñen dous mozos por roubos en centros comerciais de Ourense, Santiago e Parla
Deteñen dous mozos por roubos en centros comerciais de Ourense, Santiago e Parla
Os mozos usaban falsas identidades para aloxarse en hoteis e alugar vehículos de alta gama e chegaron a realizar trasferencias bancarias por valor de 17.000 euros, coa documentación e os móbiles subtraídos
Os presuntos autores foron detidos o pasado do 10 de xaneiro, ingresando un deles en prisión tras pasar a disposición xudicial no xulgado de Ourense
O Equipo Roca da Garda Civil de Ourense detivo esta fin de semana, no marco da operación Sementeira, dous mozos de 23 e 25 anos de idade, oriúndos de Barcelona, como presuntos autores de catorce delitos: un de pertenza a grupo criminal, catro furtos, outros catro de estafa e cinco máis de falsidade documental, cometidos nas localidades de Barbadás, Santiago de Compostela e Parla.
Segundo informou a Benemérita, a operación iniciouse en abril de 2024, tras recibir unha denuncia dunha veciña de Ourense que relatou que cando se atopaba no aparcadoiro dun centro comercial de Barbadás unha moza achegóuselle pola ventá para dicirlle que lle caeran unhas moedas ao chan, momento en que unha segunda persoa aproveitou para abrir a porta do copiloto e apoderarse do seu bolso.
Durante as pescudas, os axentes localizaron nun contedor próximo a unha sucursal bancaria o teléfono e o bolso no interior dunha bolsa de plástico xunto a un tícket de retirada de efectivo nunha sucursal bancaria de Santiago de Compostela. Isto permitiulles pescudar que cometeran outro roubo nun centro comercial de Santiago de Compostela e en Parla.
Os mozos usaban falsas identidades para aloxarse en hoteis e alugar vehículos de alta gama e chegaron a realizar transferencias bancarias por valor de 17.000 euros, coa documentación e os móbiles subtraídos.
A investigación revelou que o grupo criminal estaba composto por outras dúas persoas, o que levou a solicitar unha orde de detención. Os presuntos autores foron detidos o pasado do 10 de xaneiro, ingresando un deles en prisión tras pasar a disposición xudicial no xulgado de Ourense.