Publicador de contidos
Publicador de contidos

Preocupación na Mariña ante unha vaga de roubos en establecementos comerciais

Preocupación na Mariña ante unha vaga de roubos en establecementos comerciais

Este domingo asaltaron un restaurante en Ribadeo e tentaron sen éxito entrar nun estanco en Lourenzá

A Garda Civil non desbota a posibilidade de que os roubos sexan obra do mesmo grupo

Fachada de Casa Domingo, en Ribadeo, onde roubaron cartos, botellas e embutidos
G24.gal 13/01/2025 13:48

O restaurante Casa Domingo de Covelas, no concello de Ribadeo, foi unha das últimas vítimas da vaga de roubos que nos últimos días afecta á comarca da Mariña. Pasaba pouco das dúas da madrugada cando o propietario, que vive enriba do local, sentiu un forte golpe.

Non fixo caso pensando que se lle caera algo ao chan a súa filla, aínda que si lle chamou a atención que pouco despois o volvese espertar o forte son dun tubo de escape e o ruído dun coche derrapando. Os ladróns desactivaron as alarmas.

Xa pola mañá descubriu a desfeita que os ladróns orixinaron dentro do local. Unha ventá rota, a caixa rexistradora aberta e sen cartos, e esquilmadas as existencias. Os ladróns levaron as botellas de bebida máis caras e gran cantidade de embutidos. 

Esa mesma madrugada do sábado ao domingo, un par de horas máis tarde e a pouco máis de 20 quilómetros de distancia, outro establecemento comercial, esta vez en Lourenzá, foi obxectivo doutro intento de roubo.

Nesta ocasión os ladróns non lograron entrar. Aínda que forzaron o cilindro, as barras de ferro que fixan as portas ás bisagras impedíronllelo. Ante o intento frustrado, tentaron forzar as contras de madeira que protexen a ventá pero un enxeñoso sistema interior deseñado hai anos polo avó da propietaria impediu que entrasen.  

En días anteriores denunciaron algún roubo tamén na Pontenova. A Garda Civil investiga esta vaga de asaltos. Non se desbota que se trate todo da mesma banda.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade