Amplo dispositivo na Arousa para dar cos violentos asaltantes dunha parella en Meis
Amplo dispositivo na Arousa para dar cos violentos asaltantes dunha parella en Meis
Pistola en man, atáronos, golpearonos e regaron con gasolina á muller
A parella xa recibiu a alta no hospital pero barallan non volver a súa casa
A violencia extrema utilizada non ten precedentes nos roubos de vivendas na provincia
O suceso produciuse ás cinco e media da mañá cando a parella duns 50 anos saía da súa casa camiño do traballo. Tres homes, encapuchados e con luvas, abordáronos no exterior, atáronos con bridas, golpeáronos, ameazáronos cunha pistola e mesmo lle botaron gasolina por riba á muller.
O móbil, supostamente, o roubo dos cartos que tiñan na vivenda. De pouco lles valeu ter un can na propiedade, protexida ademais con alarma e videovixilancia.
Acabaron precisando asistencia hospitalaria e os agresores cun botín dunha cantidade de cartos en metálico indeterminada.
As autoridades están sorprendidas e preocupadas polo uso dunha violencia que cualifican de extrema.
"Non ten precedentes recentes nin encaixa cos parámetros de delitos similares en roubos de vivendas nos últimos anos na provincia", aseguraba o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.
A Garda Civil recolleu probas do violento asalto no domicilio situado na Moroza, nunha zona illada de Paradela, no concello de Meis. Ao tempo despregaba na comarca de Arousa un amplo dispositivo para dar cos atracadores Nos transcenderon datos da súa apariencia, só que son españois. Ao parecer falaban castelán pero con acento galego. O coche no que fuxiron os asaltantes foi atopando abandonado nunha praia fluvial.
Un familiar da parella que acudiu a recoller enseres na vivenda confirmou que xa lles deron a alta hospitalaria e que pasaran a noite fóra. Asegura que están moi asustados e que barallan non volver á casa en que foron vítimas do brutal asalto.