Buscan unha banda itinerante que asaltou seis vivendas en Verín
Buscan unha banda itinerante que asaltou seis vivendas en Verín
Levaron un botín de 5.000 euros en efectivo, xoias e aparellos electrónicos
Actuaron na Noitevella, mentres os donos das casas estaban fóra
Unha banda itinerante asaltou seis vivendas en Verín en Noitevella, ás que accederon forzando portas e ventás, pero sen causar apenas danos grazas á rapidez coa que actuaron.
"Unha aquí, á man dereita, outra alí... Din que entre tres e catro. Que eu saiba, dous". "Dous alá adiante, que roubaron tamén ese día. Pero despois non se oíu nada máis", comentan dúas veciñas.
Só unha das casas roubadas non é vivenda habitual, xa que os donos viven fóra, pero viñeran pasar uns días polo Nadal e, a noite dos roubos, saíran cear fóra.
"Foron cear ao restaurante Brasil, que son familia, e mentres tanto entráronlles a roubar. Non sei canto colleron". "Viñan ao diñeiro e ás xoias, que foi o que levaron. Sabían ao que ían", explican outras dúas veciñas.
O botín final ascende a cinco mil euros en efectivo, xoias sen cuantificar e aparellos electrónicos: móbiles, tabletas e ordenadores. O que lles preocupa aos veciños é que volvan, porque xa non é a primeira vez que ocorre.
"Entraron nos acaroados eses, pola parte de abaixo, a unha que dá con nós. E o señor dos piñeiros saíu detrás deles cunha forquita". Nós tamén temos alarma. Puxémola hai uns anos por outros roubos. Claro que preocupa", comentan.
A Policía Xudicial de Verín anda tras eles. Trátase dunha banda itinerante, que abandona a zona tras cometer os roubos.