Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PSOE acusa o PP de facer unha política de vivenda "especulativa"

O PSOE acusa o PP de facer unha política de vivenda "especulativa"

A secretaria de Política Económica, Enma López, pide que o modelo de Ayuso non se "contaxie" ao resto de comunidades

Acusa os populares de negarse a aplicar a lei de vivenda que, en Cataluña, reduciu o seu prezo un 5 %

Enma López coa prensa este domingo
G24.gal 12/01/2025 12:47 Última actualización 12/01/2025 13:31

O PSOE acusou o PP de facer unha política de vivenda centrada no "pelotazo" e cualificou de "farsa" e "falacia" as medidas propostas polos populares neste eido, no cume territorial que clausuran este domingo en Asturias.

En declaracións aos medios nun acto en Alcorcón, a secretaria de Política Económica socialista, Enma López, dixo que para o PP a vivenda é "un negocio e un ben especulativo" e para eles "un dereito".

"Eles están centrados en especuladores, no pelotazo, en baixarlles os impostos aos ricos e en chegar tarde a moitas medidas. Primeiro terían que revisar como pensa o paradigma que ten de vivenda. Para eles a vivenda é un negocio, é un ben especulativo. Néganse a aplicar a lei de vivenda e ademais tamén se negan a protexer e a blindar as vivendas protexidas", sentenciou.

Competencia das comunidades

A portavoz socialista lembrou que a vivenda é unha competencia que teñen as comunidades autónomas e lembrou que "hai rexións nas que o PP leva gobernando máis de 30 anos".

"Cando falan de vivenda deberían predicar co exemplo e as cifras non lles dan a razón, nin xuntos nin por separado", indicou.

Neste sentido, enumerou as promesas que realizaron algúns dos líderes populares, como Ayuso que "prometeu 25.000 vivendas" en 2019 e só entregou 1.000 ou Mazón que prometeu na Comunidade Valenciana 6.000.

"Seguimos esperando exactamente igual que con Capellán na Rioxa ou Azcón en Aragón", manifestou, antes de lembrar que Feijóo renunciou en Galicia "a 470 millóns de euros para construción de vivenda".

"Propoñen unha serie de medidas e logo resulta que cando as propón o PSOE nunha lei do solo, que o fixo no mes de maio, eles deciden que non o van apoiar anticipando de novo os seus intereses partidistas, mesmo aos intereses dos seus propios alcaldes. Néganse a aplicar a lei de vivenda e ademais tamén se negan a protexer e a blindar as vivendas protexidas", recalcou, antes de subliñar que algo que se constrúe con fondos públicos "non pode acabar en mans dos especuladores".

Baixada do prezo en Cataluña

Na súa intervención, López puxo o exemplo de Cataluña, onde asegurou que o prezo baixou un 5 % ao aplicar a lei de vivenda, en lugar da suba dun 10 % en Madrid, un modelo que pediu que non se "contaxie" ao resto de comunidades.

"Non se contaxien por Ayuso. Non se deixen engaiolar porque as súas políticas non funcionan. A señora Ayuso é o paciente cero destas tecnocracias que veñen, nas que o único que pretenden estes grandes CEO de grandísimas compañías é acabar coa democracia, mentres eles levan uns beneficios extraordinarios", afirmou.

Preguntada sobre a iniciativa do PP de estender os avais ata os 40 anos, a portavoz socialista rexeitou a idea de que os populares crean no acceso á vivenda porque, de ser así, "o que farían sería construír vivenda pública".

"Parécenos o discurso falaz de sempre do PP. A súa política é unha política absolutamente fracasada", sentenciou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade