O Goberno prevé que se vete a cuestión de confianza de Junts e asume as consecuencias
O Goberno prevé que se vete a cuestión de confianza de Junts e asume as consecuencias
Junts descarta a moción de censura co PP e insta a Sánchez a reunirse con Puigdemont
O secretario xeral de JxCat, Jordi Turull, ponlle condicións a Pedro Sánchez para "restaurar a confianza" nel da dereita nacionalista catalá, e entre elas está a moción de confianza
O Goberno prevé que a Mesa do Congreso non tramite a proposición non de lei de Junts que pide ao xefe do Executivo, Pedro Sánchez, presentar unha cuestión de confianza, e asume as consecuencias desa decisión como podería ser a negativa da formación de Carles Puigdemont a negociar os orzamentos.
Na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros, a portavoz do Goberno, Pilar Alegría, volveu a considerar inxustificada esta proposición cuxa admisión a trámite será debatida este xoves pola Mesa do Congreso.
Máis alá do que se acorde, o Goberno lembra que é unha ferramenta que, legalmente, só lle corresponde activar ao propio presidente. Os grupos parlamentarios "teñen outros instrumentos e outras ferramentas", lembrou a voceira do Executivo.
Pilar Alegría pregúntase, ademais, por que Pedro Sánchez tería que someterse a unha cuestión de confianza xa que "o Goberno de España cumpre cos compromisos que estableceu co resto de forzas parlamentarias".
Admitir esa tramitación consideran que sería sentar un precedente que non cren adecuado.
O rexeitamento a esa proposición admiten que podería ter consecuencias e que Junts adoptase decisións como pechar calquera posibilidade a que se puidesen aprobar uns novos orzamentos.
Pero asumen ese escenario e aínda que insisten en que o Goberno vai seguir traballando para que haxa unhas novas contas do Estado, consideran que non sería un drama seguir cos orzamentos prorrogados.
Ao fío diso, as fontes do Goberno lembran que tamén hai comunidades autónomas que van ter que funcionar durante este ano con orzamentos prorrogados.
Junts non apoia a moción de censura pero insiste en que Sánchez se someta á cuestión de confianza
Esta mañá o secretario xeral de JxCat, Jordi Turull, descartaba dar apoio a unha moción de censura impulsada polo PP e Vox e emprazou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a que se reúna presencialmente co líder de Junts, Carles Puigdemont.
Turull situou as condicións de JxCat para restaurar a "confianza" en Sánchez e o PSOE, entre as que figuran o trámite da cuestión de confianza, a delegación "integral" de competencias en inmigración e a oficialidade do catalán na Unión Europea.
O secretario xeral de JxCat advertiu de que o que ocorra o xoves na Mesa do Congreso coa cuestión de confianza "non é inocuo", e apuntou que, se non se tramita, Junts deberá "tomar decisións que non lle gustarán ao PSOE".
En calquera caso, Turull tachou de "broma macabra" a idea de que os sete deputados de Junts dean apoio a unha moción de censura a Sánchez xunto a PP e Vox, un extremo que expuxo onte o presidente dos populares, Alberto Núñez Feijóo.
Pola súa banda, o PP volve ofrecerse a presentar unha moción de censura "se hai posibilidade real de que prospere". Alberto Núñez Feijóo afirmou que os de Junts "teñen as portas abertas do PP para conversar; para cesións, non".