Goretti Sanmartín chega a un acordo co PSOE para sacar adiante os orzamentos de Santiago
Goretti Sanmartín chega a un acordo co PSOE para sacar adiante os orzamentos de Santiago
A sinatura do acordo entre o goberno local e grupo socialista está prevista para este martes 14 de xaneiro
O Goberno local de Santiago chegou a un acordo co grupo municipal socialista para sacar adiante os orzamentos do Concello compostelán para 2025.
Está previsto que este martes, ás 11:30 horas, a alcaldesa Goretti Sanmartín, en representación do grupo municipal do BNG, María Rozas, en representación de Compostela Aberta, e Gonzalo Muíños, en representación do Grupo Municipal Socialista, asinen o acordo.
Esta pasada fin de semana o PSOE de Santiago daba a coñecer as súas demandas para apoiar as contas municipais, que pasaban por impulsar a licitación do novo complexo deportivo de Santa Marta, a renovación doutros equipamentos como parques infantís, a tramitación de zona de mercado residencial en tensión nos próximos meses e a constitución da nova EMUVISA.
Do mesmo xeito, reclamaban que se realicen dúas convocatorias dos Bonos Corazón (do comercio), unha na primavera e outra no outono cun fondo de 300.000 euros cada unha, e o impulso das reurbanizacións comprometidas na Rúa García Lorca (Vite) e na Rúa Mallou.
Así mesmo, nun almorzo informativo o venres, a alcaldesa Goretti Sanmartín xa sinalaba que o seu Executivo traballaba "de maneira intensa" na negociación co grupo municipal socialista e avanzaba que "en breve" trasladaría "noticias definitivas para ter un orzamento".
As negociacións enmarcáronse nun contexto de crise interna do PSOE local, cuxos edís afrontaron un expediente disciplinario por parte da dirección tras votaren a favor no pleno para rexeitar que se puidesen regularizar os pisos turísticos que operaban antes do cambio de normativa.
Naquel momento, a executiva local que dirixe Aitor Bouza ordenara a abstención, e os seis concelleiros socialistas desobedeceron o mandato. Días despois, o portavoz municipal, Gonzalo Muíños, tamén desatendeu a dirección tras instalo a renovar o persoal de confianza do grupo no Concello.