'Sonrisas de Bombay' celebra o seu quinto cóctel solidario na Coruña
Os cartos destinaranse ao proxecto educativo en Bombai, onde a ONG conta con sete parvularios nos que atende máis de 160 nenos
A música de The Muppets animou o tramo final do cóctel solidario de 'Sonrisas de Bombay' na Coruña, o quinto que organizan os voluntarios cos que conta a ONG en Galicia. Este ano, os cartos axudarán a financiar o proxecto educativo dirixido aos nenos en idade preescolar.
"Uns anos a recadación destinouse para a educación, outros para combatir a trata. Este ano volve ser para o proxecto educativo. Son temas que me afectan como muller e como nai. Paréceme intereante colaborar", conta Chus Leirachá, unha das voluntarias.
Uns cento sesenta cativos asisten aos sete parvularios que coordinan en Bombai, lugares seguros onde tamén reciben atención médica e unha comida diaria. 'Sonrisas de Bombay' naceu en 2005 para loitar contra a pobreza e a trata con fins de explotación sexual.
"Primeiro identifícase o problema e despois intenténtase o rescate das mulleres. Nós non podemos facelo pola nosa conta, pero colaboramos coa policía na detección e a posteriori realizamos o acompañemento das vítimas, sobre todo en problemas de saúde mental", explica Noelia Santos, que se encarga de coordinar o voluntariado galego.
En España realizan campañas de prevención e sensibilización e apoian, asesoran e acompañan as vítimas da trata.
" En España estamos traballando sobre todo con superviventes e vítimas de trata laboral e de matrimonios forzados procedentes dos países do sur de Asia onde traballamos, a India, Nepal e Bangladesh", concreta Nuria Curós, responsable do proxecto contra a trata en España.
Estímase que en 2024 preto de vinte e cinco millóns de persoas foron vítimas da trata en todo o mundo.