Publicador de contidos
Publicador de contidos

Muda de nome no Rexistro Civil e para celebralo fai unha doazón á Cociña Económica

Muda de nome no Rexistro Civil e para celebralo fai unha doazón á Cociña Económica

Un veciño de Oleiros cede 300 quilos de peixe e marisco, por un valor duns 4.000 euros

Celebra deste xeito o cambio de nome de Xosé Lois por Sáhara Gaza, na honra dos dous pobos masacrados

G24.gal 24/01/2025 14:37

Hoxe na Cociña Económica da Coruña, menú VIP para despedir a semana.

"Trouxéronnos percebes e vánselles dar aos usuarios para que gocen", conta Monserrat Moreno, traballadora da Cociña Económica.

De primeiro, percebes de Malpica, unha mínima parte da doazón que acaba de facer un home vestido con gabán amarelo.

"Hai produto variado, dende marisco a peixe. Non me sorprende porque xa fixo outras cousas para nós, dende celebrar a súa xubilación a beneficio da cociña e no seu último aniversario renunciou aos agasallos a cambio de doazóns para a Cociña", explica Óscar Castro, o administrador.

Marabillosa extravagancia deste veciño de Oleiros que ata hoxe se chama Xosé Lois Vila, pero que nuns días se vai chamar Sáhara Gaza Vila, nunha particular homenaxe a dous pobos masacrados.

"É unha persoa que ten unha sensibilidade especial con toda a xente necesitada, tanto coa Cociña como co que pasa a miles de quilómetros", engade Castro.

Mañá ten cita no rexistro e, sendo como é, a celebración do cambio de nome tiña que ser compartida... con quen? Cos máis vulnerables. Daquela alá foi á praza de Lugo, onda as súas praceiras de confianza. 

"Chegou e dime: Canto queres polo posto? Ponme todo. Eu quedei sorprendida, que non o quería crer. Non sabía que facer e a miña compañeira di: "Veña, a pesar todo'... pesámolo, limpámolo e levouno", relata Ángela Iglesias, unha das praceiras elixida, aínda emocionada.

Baleirou catro postos ao completo. O desembolso superou os 4.000 euros por 300 quilos de peixe e marisco do melloriño.

Traballo intenso na cociña que alimenta cada día 1.500 bocas que ben merecido teñen este gran manxar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade