Cáritas reparte mil lotes de xoguetes para que ningún neno quede sen agasallos
Cáritas reparte mil lotes de xoguetes para que ningún neno quede sen agasallos
Cáritas Diocesana de Santiago repartirá os xoguetes entre as familias máis vulnerables da Coruña e de Santiago
60 voluntarios canalizaron as doazóns atendendo ás cartas aos Reis Magos remitidas polas parroquias
A directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, cualifica de "intensa e frutífera" a recollida de xoguetes durante o Nadal.
Nunha entrevista na Radio Galega, Farjas destacou a alta participación dos establecementos comerciais e das institucións que colaboraron na campaña para que os agasallos de Reis cheguen tamén aos fogares máis vulnerables.
"Temos preparados, nesta tarefa de facer de paxes dos Reis Magos, 810 lotes de xoguetes para os nenos da Coruña e 346 para os de Santiago".
Pilar Farjas explicou que máis de 60 voluntarios, "maioritariamente novos", prepararon os lotes de acordo coa preferencia dos nenos e tendo en conta os desexos expresados nas súas cartas aos Magos de Oriente.
"Garantimos que todos os nenos reciben os regalos exactamente igual: Os Reis Magos chegan ás súas casas, entran polas ventás e deixan os xoguetes da mesma maneira ca ao resto dos nenos de Galicia".
A responsable de Cáritas Diocesana de Santiago contou que contan con 317 equipos parroquiais que "están ao pé do terreo e que teñen a porta aberta para atender, escoitar e identificar necesidades".
Engadiu que a entidade dispón de catro grandes liñas de traballo: cobertura de necesidades básicas, acompañamento a persoas maiores soas, vivenda e emprego. Segundo relatou, trece mil persoas foron atendidas ao longo do ano pasado. Facilitóuselles comida, roupa, menciñas, próteses, audiófonos, lentes... e tamén o pagamento de subministracións. Esa partida, sinalou, "supón o 40% do noso orzamento anual."
Pilar Farjas tamén puxo o foco no traballo da entidade para facilitar a inserción laboral.
"Quero resaltar o compromiso da nosa diocese coas empresas de inserción laboral como Arroupa, que se dedica á xestión de residuos téxtiles".
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Pilar Farjas alertou do aumento da poboación en risco de exclusión social.
"Tras a crise de 2008, a covid e o aumento dos prezos da enerxía e dos alimentos, aumentou a poboación en risco de exclusión social e xa supera o 26 %."
Pilar Farjas explicou que esa conxuntura incorporou a este colectivo familias novas con nenos para as que "ter un salario xa non é garantía de seguridade e requiren do noso apoio económico para chegar a fin de mes".
Inmigrantes
A responsable de Cáritas Diocesana de Santiago afirma que o 60 % das familias que atende a entidade son inmigrantes, moitos en situación irregular.
Pilar Farjas lamentou que "non saia adiante o acordo de regularización impulsado por Cáritas en toda España".
Tamén denunciou que os últimos cambios lexislativos impiden ofrecer a asistencia necesaria aos inmigrantes aos que acollen temporalmente. Segundo explicou, "dun día para outro están na rúa, sen recursos, sen vivenda e sen posibilidade de traballar".