A borrasca Herminia provoca máis de 600 incidencias e refachos de ata 184 km/h
A borrasca Herminia provoca máis de 600 incidencias e refachos de ata 184 km/h
Houbo atrasos e cancelacións nos tres aeroportos galegos e Renfe suspendeu os servizos de ancho métrico en Galicia
Ferido un garda civil que regulaba o tráfico na AP-9 ao caer unha árbore á altura de Vilaboa
A Xunta ampliou a alerta vermella por temporal costeiro para este luns ao suroeste da Coruña e ao litoral de Pontevedra
A borrasca Herminia chegou a Galicia de madrugada e co paso das horas foi medrando en intensidade, polo que a Xunta mantén a alerta máxima por risco extremo.
O aviso laranxa activado en todo o litoral de madrugada subiu ao nivel vermello ás 18:00 horas na Costa da Morte e no norte da Coruña por mar combinado con ondas de ata 12 metros.
O temporal tamén está a deixar precipitacións importantes, sobre todo no interior de Pontevedra, no oeste da Coruña e no sur de Ourense.
Refacho máximo
O refacho máximo rexistrouse na estación de Peneda do Galo, en Viveiro, onde os ventos alcanzaron os 184 quilómetros por hora. Respecto á choiva, Santa Comba leva acumulados máis de 158 litros por metro cadrado.
A Xunta ampliou a alerta vermella por temporal costeiro para este luns ao suroeste da Coruña e ao litoral da provincia de Pontevedra.
Plan Inungal
O Goberno autonómico tamén está a facer un seguimento do caudal dos ríos a través do Plan Inungal (Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións en Galicia).
De acordo cos últimos datos facilitados por Augas de Galicia, a estación do Oitavén (Soutomaior), a do Miñor (Gondomar) e a do Lérez (Pontevedra), rexistran un nivel superior aos limiares de seguimento establecidos.
Atrasos e cancelacións
Os fortes ventos provocaron problemas nos tres aeroportos galegos. No coruñés de Alvedro, houbo atrasos pola mañá, e, pola tarde, o avión procedente de Madrid non puido aterrar.
En Santiago, desviouse ao Porto o voo que viña de Madrid, cancelouse o procedente de Barcelona das 17:15 horas e rexistráronse atrasos importantes.
En Vigo, volveron a destino dous avións procedentes de Madrid, un desviouse ao Porto e canceláronse outros catro.
Transporte ferroviario
Canto á circulación ferroviaria, suspendéronse os trens de media distancia no traxecto A Coruña-Ferrol e, pola tarde, os servizos de ancho métrico en Galicia, que discorren entre Ferrol e Ribadeo.
Tamén quedou cancelado, ata novo aviso, o transporte de ría dende Moaña e Cangas ata a cidade de Vigo.
Garda civil ferido
A caída dunha árbore na AP-9 á altura de Vilaboa, antes de chegar á ponte de Rande, obrigou a cortar a autoestrada en sentido Vigo durante unha hora, con retencións de dous quilómetros. Tráfico habilitou un desvío provisional mentres limpaba a calzada.
Un dos axentes da Garda Civil que participaba no operativo quedou ferido ao caer outra árbore no mesmo punto e foi trasladado ao hospital Álvaro Cunqueiro.
Incidencias
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia rexistrou un total de 589 incidencias ata as 18:00 horas relacionadas co temporal. A provincia da Coruña foi a máis prexudicada (252), seguida por Pontevedra (216), Lugo (96) e Ourense (24).
A maior parte das chamadas estaban relacionadas coa caída de árbores e pólas nas estradas (277 casos). Tamén houbo intervencións para retirar obxectos das vías, sobre todo cables e cubertas, eliminar posibles riscos ou derrubamentos.
Os municipios cunha maior afectación son Vigo, Santiago de Compostela, A Estrada, O Porriño, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, A Coruña, Padrón, Burela e Mondoñedo.
Actuacións salientables
Entre os incidentes máis salientables está o desprendemento dun tellado do Instituto Politécnico de Vigo, na rúa Conde de Torrecedeira, ás 14:40 horas.
Pouco despois, ás 14:55 horas, unha árbore caeu sobre un coche na AC-544 ao seu paso por Sanamede do Monte, na Baña, sen provocar danos persoais.
En Carballo, ás 15:15 horas, na rúa do Sol, parte dunha estada e do tellado dun edificio caeron á rúa e causaron danos en varios coches estacionados.
Ademais, en Cuntis, a partir das 16:15 horas, inundáronse varias rúas e houbo que desaloxar vehículos para evitar situacións de perigo.
Doutra banda, ás 17:10 horas, un farol caeu sobre un coche en circulación na saída de Celanova cara a Ramirás. Non houbo persoas feridas.
Caída de árbores
A caída de árbores foi un dos principais problemas causados polo vento. En Crecente, no municipio da Pastoriza, un exemplar caeu sobre un coche na LU-122 sen provocar danos persoais.
En Tordoia, na DP-1914 ao seu paso por Anxeriz, un condutor bateu contra unha árbore caída e a estrada quedou cortada ata a chegada da Garda Civil.
Outro incidente similar tivo lugar en Culleredo, na AC-14, na parroquia de Sésamo, onde un turismo chocou contra unha árbore que ocupaba parcialmente a calzada.
E na Pobra do Caramiñal, na rúa Atalaia, o vento tirou unha marquesiña duns 3 metros que bateu contra un vehículo.
Suspéndese a actividade deportiva
A Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia suspendeu, durante toda a xornada do domingo, a actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior en 15 concellos da Mariña lucense e en 38 do noroeste da Coruña.
Durante a tarde, tamén se cancelou en 33 concellos do litoral de Pontevedra, en 22 do oeste e suroeste da provincia da Coruña e en 19 municipios da montaña de Ourense. Ademais, suspendeuse en toda Galicia a actividade deportiva federada no mar.
Parques pechados
O Concello de Santiago pechou durante a xornada dominical os pavillóns, as instalacións deportivas e os parques. A Coruña tamén precintou, ata novo aviso, os parques, as praias e os xardíns.
Recomendacións
A Xunta lembra a necesidade de afastarse da liña de costa e pide que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar, ademais de revisar os cabos e amarres das embarcacións.
Con respecto ás fortes choivas, o executivo galego recomenda circular con precaución, informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas asolagadas ou que poidan chegar a inundarse e non aparcar preto dos ríos.