Publicador de contidos
Publicador de contidos

A borrasca Herminia deixa refachos de ata 162 km/h e máis de 180 incidencias

A borrasca Herminia deixa refachos de ata 162 km/h e máis de 180 incidencias

Canceláronse varios voos e Renfe suspendeu os servizos de Ancho Métrico en Galicia

A Xunta mantén a alerta máxima e activou o plan Inungal de seguimento dos ríos por posibles desbordamentos

Suspendéronse as actividades deportivas no exterior e algúns concellos pecharon parques, xardíns e praias

Cámara web da CRTVG en Fisterra Cámara web da CRTVG en Fisterra
G24.gal 25/01/2025 20:29 Última actualización 26/01/2025 17:21

A borrasca Herminia chegou a Galicia esta madrugada con ventos fortes, chuvias intensas e ondas que, cara ao final da xornada, poden alcanzar os dez metros de altura nalgúns puntos. 

Dende primeira hora todo o litoral está en aviso laranxa, e xa pola tarde activarase o nivel vermello de risco extremo na Costa da Morte e no norte da Coruña. 

Segundos as previsións de MeteoGalicia, agárdanse precipitacións importantes (máis de 80 litros por metro cadrado en doce horas) sobre todo no interior de Pontevedra, no oeste da Coruña e no sur de Ourense.

Ata o momento, o refacho máximo rexistrouse en Punta Candieira (Cedeira), onde os ventos sopraron a 162 quilómetros por hora. Respecto á choiva, Santa Comba leva acumulados máis de 134 litros por metro cadrado.

Alerta máxima

A Xunta informou da situación os concellos afectados e mantén a alerta máxima. Tamén activou o Plan Inungal (Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións en Galicia) pola posibilidade de que se produzan desbordamentos puntuais nalgúns ríos.

De acordo cos últimos datos facilitados por Augas de Galicia, a estación do Oitavén (Soutomaior), a de Miñor (Gondomar) e a do Lérez (Pontevedra), rexistran un nivel superior aos limiares de seguimento establecidos.

Un avión engala este domingo dende Compostela

Atrasos e cancelacións

Durante a mañá, a borrasca provocou atrasos e cancelacións nos aeroportos galegos. No coruñés de Alvedro, afectou sobre todo aos voos con destino e procedencia Madrid. En Santiago, desviouse a Porto o avión que viña de Madrid.

En Vigo, cancelouse o voo con destino Madrid das 8:40 horas e tamén o das 12:40 para Gran Canaria. Ademais, desviáronse os dous avións procedentes da capital española a primeira hora.

No canto á circulación ferroviaria, suspendéronse os trens de Media Distancia no traxecto A Coruña-Ferrol e, pola tarde, os servizos de Ancho Métrico en Galicia que discorren entre Ferrol e Ribadeo.

Tamén quedou cancelado, ata novo aviso, o transporte de ría dende Moaña e Cangas ata a cidade de Vigo.

A árbore caída na AP-9 A árbore caída na AP-9

Incidencias

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia rexistrou 187 incidencias ata as 12:00 horas relacionadas co temporal. A provincia da Coruña foi a máis prexudicada (94), seguida de Lugo (52).

A maior parte das chamadas estaban relacionadas coa caída de árbores e ramas nas estradas. Tamén houbo intervencións para retirar obxectos das vías, cables caídos, eliminar posibles riscos ou por derrubamentos.

Entre os incidentes máis salientables, está a caída dunha árbore sobre un coche na LU-122 ás 04:55 horas, no quilómetro 5, na parroquia de Crecente, no municipio da Pastoriza. O vehículo sufriu danos materiais, pero afortunadamente non houbo persoas feridas.

Pouco despois, ás 05:40 horas, un condutor bateu contra unha árbore caída na DP-1914, no quilómetro 13, ao seu paso por Anxeriz, no municipio de Tordoia. O impacto non provocou danos persoais, pero a estrada quedou cortada ata a chegada da Garda Civil.

Outro incidente similar tivo lugar en Culleredo, na AC-14, no quilómetro 9, na parroquia de Sésamo, onde un turismo chocou contra unha árbore que ocupaba parcialmente a calzada.

Ás 10:15 na Pobra do Caramiñal, na Rúa Atalaia, o vento tirou unha marquesiña duns 3 metros e bateu contra un vehículo. Non houbo persoas feridas e tiveron que intervir os Bombeiros de Ribeira e a Garda Civil.

Ás 15:20 caeu unha árbore á AP-9, á altura de Vilaboa, e o tráfico permaneceu cortado durante máis dunha hora en sentido Vigo.

Desprendemento de chapas

Por último, en Burela, ás 06:30 horas, na Avenida de Arcadio Pardiñas, o forte vento desprendeu varias chapas dun tellado que acabaron sobre as vías do tren, deixándoas intransitables. A circulación ferroviaria interrompeuse durante un tempo pero non afectou a circulación.

 

Un home fai deporte polo paseo marítimo da Coruña. EFE/ Cabalar Un home fai deporte polo paseo marítimo da Coruña. EFE/ Cabalar

Suspéndese a actividade deportiva

A Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia suspendeu, durante toda a xornada do domingo, a actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior en 15 concellos da Mariña lucense e en 38 do noroeste da Coruña.

Durante a tarde, tamén se cancela en 33 concellos do litoral de Pontevedra, en 22 do oeste e suroeste da provincia da Coruña e en 19 municipios da montaña de Ourense.

Ademais, suspéndese en toda Galicia a actividade deportiva federada no mar. Os concellos que están afectados poden consultarse no mapa de zonas climáticas de MeteoGalicia.

O río Dubra ao seu paso por Bembrive. EFE/Sxenick O río Dubra ao seu paso por Bembrive. EFE/Sxenick

Parques pechados

O concello de Santiago pecha durante a xornada dominical os pavillóns, as instalacións deportivas e os parques. A Coruña tamén precinta, ata novo aviso, os parques, as praias e os xardíns e suspende todas as actividades deportivas ao aire libre.

Ademais, o municipio de Ferrol suspende todas as actividades culturais, deportivas, recreativas e espectáculos públicos, dependentes da administración local, que se realizasen ao aire libre.

Recomendacións

A Xunta lembra a necesidade de afastarse da liña de costa e pide que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar, ademais de revisar os cabos e amarres das embarcacións.

Con respecto ás fortes choivas, o executivo galego recomenda circular con precaución, informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas asolagadas ou que poidan chegar a inundarse, e non aparcar preto dos ríos.

Dous peregrinos en Palas de Reis baixo a chuvia. EFE/Eliseo Trigo Dous peregrinos en Palas de Reis baixo a chuvia. EFE/Eliseo Trigo
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade