Aviso laranxa no litoral de Pontevedra e A Coruña con ondas por riba dos 5 metros
Tamén hai aviso amarelo por vento e choivas nas provincias da Coruña e Pontevedra e no sur da de Ourense
Precaución nas montañas de Lugo e Ourense onde se agardan acumulacións de neve de máis de 10 centímetros

Unha nova borrasca deixa un sábado de temporal en todo o litoral galego e forte vento en terra. Segundo as previsións de Meteogalicia, tamén se agardan precipitacións fortes no oeste e no sur e neve nas montañas de Lugo e Ourense.
Durante toda a xornada, mantense activo o aviso amarelo no litoral, que ascenderá ao nivel laranxa ata as 21:00 horas na costa da Coruña e Pontevedra. Agárdanse refachos de vento por riba dos 80 quilómetros por hora e ondas de cinco metros.
Tamén hai aviso amarelo por choivas, con acumulacións superiores aos 40 l/m2 en doce horas, no interior das provincias da Coruña e Pontevedra e no sur da de Ourense.
Neve na montaña de Lugo e Ourense
Nas montañas de Lugo e Ourense agárdanse nevaradas que poderían deixar ata dez centímetros de espesor, polo que Meteogalicia mantén activado o aviso amarelo nestas zonas durante todo o día.
O domingo, segundo os prognósticos, mellora a situación pero o temporal aínda deixa o mar revolto a primeira hora.
