Un cirurxián de Chantada opta pola xubilación activa e solidaria en países de África
Pasa varios meses ao ano operando como voluntario no Camerún e o Senegal
Crear unha unidade de queimados no hospital Nai Nazaria do Camerún é o obxectivo co que o cirurxián galego Juan Spuch vai viaxar a este país proximamente.
Juan naceu hai setenta e dous anos en Chantada. Malia pasar toda a súa vida laboral no Xoán XXIII de Tarragona nunca se desvencellou da súa localidade natal, a onde lle encanta volver cando pode.
Está xubilado, pero mantense activo colaborando como voluntario alí onde pode botar unha man, aínda que ese lugar estea tan lonxe como o Senegal ou o Camerún.
Ao Camerún, precisamente, vai viaxar dentro duns días. Conseguiu material para crear unha unidade de queimados no hospital Nai Nazaria, rexido por unhas misioneiras. Alí só se poden facer cirurxías pequenas porque nin sequera teñen anestesista.
Conta que no Camerún a situación é terrible. Hai pobreza extrema e a fame forma parte do cotián. Cre que detrás de tanta miseria está o mal goberno e a corrupción estrutural que afecta a esa zona de África.
Despois de tantos anos indo traballar de voluntario, comeza a ter medo, polo que será a súa última viaxe a este país.
Voluntariado no Senegal
Tamén leva dous anos indo a unha zona rural do Senegal, onde conta que si hai anestesista. Porén, alí todo é privado e, se estás enfermo e non tes cartos, o prognóstico é tremendo.
Só os médicos voluntarios axudan a paliar unha situación que, ademais, enfróntaos cos moitos doutores que exercen nestas zonas porque consideran que lles quitan clientela. Pero Juan quere manter esta xubilación activa.
Coa situación que se vive en gran parte de África cóntanos que entende as persoas que se botan ao mar para buscar unha vida mellor. Cre que unha humanidade máis solidaria é o único camiño para que este mundo non sexa tan inxusto.