O CHUS realiza con éxito un implante percutáneo de válvula tricúspide
O de Santiago é un dos oito hospitais españois onde se realiza este procedemento minimamente invasivo de cirurxía cardíaca
O novo procedemento para reparar o mal funcionamento da válvula tricúspide require anestesia xeral pero evita a intervención a corazón aberto que ten máis complicacións. Agora, o implante introdúcese dun xeito bastante menos invasivo, nunha sala de hemodinámica e cunha técnica que denominan percutánea.
"Como se implante esta válvula? A través dunha punción dunha vea da perna, introducimos unha serie de catéteres, a válvula vai pregada e ao chegar á parte dereita do corazón onde está esa válvula tricuspídea insuficiente, pouco a pouco, coa axuda dunha ecografía, despregámola ata colocala onde queremos", explica Belén Cid, cardióloga intervencionista do CHUS.
Esta técnica mínimamente invasiva aplícase en doentes que teñen risco cirúrxico e moitas complicacións. Só se fai en oito hospitais españois.
"Os pacientes con insuficiencia cardíaca fatíganse, non poden realizar as actividades da vida diaria e, unha vez que se coloca, xunto co tratamento médico, melloran moito e moi rápido. O primeiro doente dinos que recuperou a súa vida previa a esta patoloxía, que pode facer vida normal, que pode saír pasear".