Alejandro García, da cirurxía torácica á ilustración médica
A través dos seus debuxos, chegou a participar en publicacións médicas e ilustrar traballos científicos
Expón as súas obras no edificio do Colexio de Médicos da Coruña ata o venres 28 de marzo, con acceso libre
Alejandro García Pérez é cirurxián torácico no CHUAC, pero tamén dedica o seu tempo libre á ilustración médica.
Os seus esbozos de anatomía xa chamaban a atención cando estudaba Medicina.
"Coñecín un profesor de anatomía que quería facer nese momento un libro de anatomía e buscaba ilustradores, xente que tivera habilidade debuxando, así foi como me acheguei á ilustración médica", di Alejandro García.
Alejandro publica tamén en revistas científicas e despois de dez anos traballando na ilustración médica, os seus bosquexos e traballos finais tiñan ademais o seu valor artístico.
Dedicar parte do seu tempo á ilustración médica non só lle serve de vía de escape senón tamén unha maneira de visibilizar a enfermidade.
Alejandro García expón as súas obras no edificio do Colexio de Médicos da Coruña ata o vindeiro venres 28 de marzo, con acceso libre.
"A maior das veces os cirurxiáns torácicos traballamos con pacientes oncolóxicos. As ilustracións son como para falar dese mundo que hai detrás da enfermidade, eu creo que a sociedade intenta tapar a enfermidade, todos estes procesos. É un xeito para ensinar á xente o que é o noso día a día dunha forma un pouco distinta, non", engade.
