Publicador de contidos

Publicador de contidos

O VII mercado Mona de deseño e ilustración leva a arte a un centro comercial de Vigo

O VII mercado Mona de deseño e ilustración leva a arte a un centro comercial de Vigo

Remata a sétima edición do mercado de arte, deseño e ilustración Mona

Durante tres días, artistas galegos ademais doutros dez países expuxeron nos seus postos itinerantes as súas propostas.

Todas as obras son orixinais, de edición limitada e creadas baixo o concepto da sostibilidade
G24.gal 08/03/2025 21:40

Remata a sétima edición do mercado de arte, deseño e ilustración Mona. Durante tres días artistas galegos ademais doutros dez países expuxeron nos seus postos itinerantes as súas propostas. Celébrase, coma cada ano, nun centro comercial para dar visibilidade aos creadores e aos seus produtos de edición limitada.

Cada día hai dez artistas que venden as súas obras, todas orixinais, de edición limitada e baixo o concepto da sostibilidade. Trinta creadores en tres días que dura o mercado Mona, obviamente pola universal Mona Lisa. Pode parecer contraditorio pero o escenario é o centro comercial Gran Vía.  

"Buscamos que a arte estea en todos os lugares. Que a xente que veña ao cine, ou a facer a compra poida atopar non só a arte senón a artista detrás. Que poida comprarlle pero tamén falar con el. É o concepto de que está aquí o capitalismo, as compras rápidas, e de repente atopas arte orixinal, que só podes comprar nun día", conta a TVG Larissa Lyra, artista e codirectora do mercado Mona.

A China, Angola, Venezuela... así ata dez países representados na mostra.

 "Vemos a conexión que ten a xente de fóra co noso. De feito, hai xente aquí de Cuba que fai arte en cunchas, e ao mesmo tempo damos unha oportunidade a xente que pode ter as portas máis pechadas que a xente de aquí", engade Borja Melchor, codirector do mercado Mona.

"O deseño nace da arte, e as dúas cousas están sempre fusionadas. Na roupa deseñamos os nosos estampados, facemos todo a man porque somos artesás e pintamos as pezas. Por iso consideramos que a roupa tamén é arte", explica Sixing Xu, artesá da marca Tuuinx.

"O noso público estaría baseado naquelas persoas que ou teñen gatos porque lles gustan moitísimo ou tamén a xente que lle gustan moito os cómics, manga, anime, toda esta cultura xaponesa, porque se senten identificados co tipo de debuxos que facemos", di Karina García, da marca Loki the cat design.

O Mona quere e consegue levar a arte a espazos cotiáns, máis aló dos museos e das galerías.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade