Un mural de Fene do artista chileno Cristóbal Persona, candidato ao mellor do mundo
Un mural de Fene do artista chileno Cristóbal Persona, candidato ao mellor do mundo
"O charanguista andino" é a única candidatura galega
É un dos tres murais do Perla Mural Fest do verán pasado
Un mural de Fene aspira a converterse na mellor obra de arte urbana do mundo de 2024. Chámase "O charanguista andino" e o seu autor é Cristóbal Persona.
O artista chileno deixou na medianeira dun edificio de catro andares unha pegada da súa cultura, representada por un músico que toca o charango nalgún lugar do altiplano.
"O charanguista andino" compite con cincuenta obras máis polo título do mellor mural do mundo de 2024. É a única candidatura galega.
"É de todos, de Fene e de Galicia. Por iso pedimos o voto dos galegos, porque podemos ser un referente mundial en arte urbana", comenta Ramón Pereira, un dos impulsores do Perla Mural Fest.
É o primeiro mural de Cristóbal Persona en Europa. Pintouno en nove días durante o último Perla Mural Fest, que xa na súa primeira edición conseguiu unha enorme resonancia, grazas á violonchelista do madrileño Sfhir, o gañador de 2023 para a prestixiosa Street Art Cities, a maior comunidade de arte urbana do planeta.
"Despois de gañar en 2023, empezamos a recibir moitas vistas. Eu creo que é unha oferta cultural importante que ademais contribúe a acabar co feísmo", di Borja Sanmartín, da asociación que organiza o festival.
A finais de xaneiro coñecerase o gañador. Ata entón, as votacións están abertas na web de Street Art Cities.