En Pontevedra rexistran máis de 20 denuncias en 5 días por uso das prazas de aparcadoiro de discapacitados
En Pontevedra rexistran máis de 20 denuncias en 5 días por uso das prazas de aparcadoiro de discapacitados
Quince deses infractores nin sequera tiñan a tarxeta necesaria para usar eses espazos
En só 5 días a Policía Local de Pontevedra rexistrou 24 denuncias por un uso indebido das prazas de aparcadoiro reservadas a persoas con mobilidade reducida. Quince deses infractores nin sequera tiñan a tarxeta necesaria para usar eses espazos.
Para aparcar nesas prazas é necesario contar cunha tarxeta que entrega a área de Benestar Social ás persoas que teñen mobilidade reducida. O problema é que algúns condutores non fan un uso correcto.
O Concello notou que non se estaban a empregar correctamente e realizou unha campaña especial de vixilancia. En 5 días detectaron 24 infraccións.
"O máis grave é que desas 24 denuncias 15 foron por non ter tarxeta de mobilidade reducida. É un acto absolutamente incívico que se persegue moito", di Eva Vilaverde, concelleira de Protección e Seguridade Cidadá.
O uso está restrinxido para as persoas titulares da tarxeta, ben como condutoras ou pasaxeiras.
"Varias das denuncias foron grazas á colaboración veciñal de xente que vai pola rúa e ve que os coches non teñen tarxeta", di Vilaverde.
15 infractores carecían de tarxeta, nove tiñan a tarxeta caducada ou usábaa alguén que non era o titular. O Concello advirte que ademais das campañas especiais, o control destas prazas entra nas tarefas diarias da policía.