Publicador de contidos

Publicador de contidos

Richard Chamberlain, estrela da serie 'O paxaro espiño', morre aos 90 anos

Richard Chamberlain, estrela da serie 'O paxaro espiño', morre aos 90 anos

Naceu o 31 de marzo de 1935 nos Ánxeles

O seu maior éxito televisivo conseguiuno coa interpretación que realizou, en 1983, do padre Ralph de Bricassart na serie O paxaro espiño

G24.gal 30/03/2025 18:31 Última actualización 30/03/2025 21:46

O actor estadounidense Richard Chamberlain, coñecido por ser a estrela protagonista de producións como a miniserie orixinal Shogun (1980) ou a serie The Thorn Birds (O paxaro espiño), 1983, faleceu aos 90 anos, segundo informou este domingo o seu axente.

O actor morreu en Waimanalo, Hawai, por complicacións derivadas dun derramo cerebral, que por dous días non lle permitiron facer os 91 anos. 

Martin Rabbett, parella do actor estadounidense, dicía nun comunicado:

"O noso querido Richard está agora cos anxos (...). É libre e elévase cara a aqueles seres queridos que nos precederon. Que bendicidos fomos por coñecer unha alma tan incrible e cariñosa. O amor nunca morre. E o noso amor está baixo as súas ás elevándoo cara á súa próxima grande aventura".

Richard Chamberlain, actor de cine e series de televisión, naceu nos Ánxeles, California, o 31 de marzo de 1935. No seu país foi coñecido como o rei das miniseries e fíxose famoso principalmente polo seu papel protagonista na serie O paxaro espiño.

Despois de cursar estudos no Conservatorio de Música dos Ánxeles e de graduarse en Arte Dramática, comezou a súa carreira artística interpretando papeis secundarios en series como Pistola de fogueo ou Alfred Hitchock presenta.

A grande oportunidade ofrécella a Metro ao ser contratado en 1961 para protagonizar a serie televisiva Doutor Kildare, que interpretou durante cinco anos e que lle proporcionou fama e posteriores contratos millonarios. Anteriormente xa debutara no cinema con O segredo da Pimpinella Escarlata, aínda que non con demasiado éxito.

Viaxou a Inglaterra e fixo teatro interpretando papeis de Shakespeare, como O rei Lear ou Hamlet.

Compaxinou o seu traballo en Europa e os Estados Unidos.  Durante anos participou en películas de corte histórico e aventuras. E 1980 rodou a serie Shogun, na que interpreta un navegante, e por ese papel foi galardoado co Globo de Ouro ao mellor actor de serie de televisión.

Un dos seus mellores traballos levouno a cabo un ano máis tarde ao intervir na serie Centennial, na que lle deu vida a un vaqueiro, o seu maior éxito televisivo conseguiuno na magnífica interpretación que realizou, en 1983, do padre Ralph de Bricassart na serie O paxaro espiño, que lle proporcionou, ademais de fama, beneficios cuantiosos, pois comprárona as cadeas de televisión máis importantes do mundo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade