Cando volves ao interior de Pontevedra?
A campaña de turismo da Deputación de Pontevedra foi premiada no Festival de Cine de Turismo do Xapón
Busca desestacionalizar o turismo no interior da provincia
O retorno ao lugar onde fuches feliz e o reencontro coa terra e a xente. É o tema central do vídeo promocional da Deputación de Pontevedra para fomentar o turismo no interior da provincia. Acaba de levar o primeiro premio no festival de Cine de Turismo do Xapón e quixemos saber canto representa o sentir da xente destes concellos.
Achegámonos ao Deza coa intención de coñecer, de primeira man, coa xente que se dedica ao turismo, en que medida se ven identificados neste vídeo premiado. Manuel, cociñeiro, estivo emigrado e retornou hai máis de 20 anos. Belén viviu en Barcelona ata hai dous, pero non perdía un verán aquí.
"No verán cando marchabas sempre che preguntaban os avós 'cando volvedes?' É unha frase que che chega. Ao oíla eu escoitaba os avós, escoitaba a familia", recorda Belén Penas, que traballa de coordinadora de eventos no Pazo do Bendoiro.
"'E cando vas volver? E canto tardades?' Moitas veces. E a pena que daba volver marchar!", rememora Manuel Vázquez, cociñeiro do pazo.
Embaixadores da súa terra cando estaban fóra, coinciden en que os valores que transmite o vídeo para promocionar a Pontevedra interior son os seus.
"Liberdade, natureza, familia, fogar, tranquilidade. É tanto o que transmite Galicia, que é un sentimento. Eu creo que o vídeo chega", di Belén.
"Amosa a realidade da vida. Esas señoras, o gando, a partida... É o que en realidade é o interior, é a nosa vida. E o turista que vén aquí ao pazo vén para estar tranquilo. De feito, camiñan arredor, están fóra nas terrazas, queren tranquilidade", di Manuel.
Gravouse en 40 localizacións de 23 concellos. Busca desestacionalizar o turismo, tivo éxito na presentación en Fitur, e así se recibe na súa terra.