A Xunta impulsa o naval para a súa renovación tecnolóxica e competitiva e para atopar novos mercados
A Xunta impulsa o naval para a súa renovación tecnolóxica e competitiva e para atopar novos mercados
Consello da Xunta aprobou na reunión deste luns o Plan director do Sector Naval, dotado co 62 millóns de euros
O Consello da Xunta aprobou este luns o Plan director do Sector Naval, dotado co 62 millóns de euros, para a renovación deste sector nos próximos dous anos.
Será a folla de ruta que guiará as políticas do Goberno galego para impulsar e consolidar unha industria declarada estratéxica que achegou en 2022 o 3,5 % do PIB galego e preto de 14.000 empregos directos aos que se suman varios miles máis vinculados á cadea de valor e á loxística.
O plan articúlase en torno a prioridades que van desde a internacionalización, a dixitalización, a sustentabilidade ou as persoas, entre outros. Segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras a xuntanza do Consello da Xunta que se celebrou en Ferrol, o plan busca "impulsar a renovación tecnolóxica, mellorar a competividade e facilitar que atopen novos mercados".
Segundo destacou Rueda, o plan tamén contempla iniciativas para transmitir o talento dos veteranos e incorporar mozos a un sector "que demanda man de obra".
A Xunta implica varias consellerías no desenvolvemento deste plan para o sector naval. Economía e Industria convocará nas próximas semanas a Comisión Sectorial da Construción Naval e activará os grupos de traballo para pór en marcha o sistema de seguimento.
Na súa elaboración colaboraron de xeito activo, ademais da Asociación Cúster no Naval Galego (Aclunaga), unha ducia de estaleiros, preto dunha vintena de empresas da industria auxiliar, a Universidade da Coruña e a Fundación Centro Tecnolóxico Soermar, así como tamén as organizacións sindicais e empresariais.