Carlos III suspende a súa axenda tras ser ingresado polos efectos do tratamento contra o cancro
O monarca, que foi diagnosticado dun cancro non especificado en febreiro de 2024, tiña previsto participar en catro actos públicos en Birmingham

O rei británico, Carlos III, suspendeu as súas actividades para este venres despois de ter que ser ingresado temporalmente no hospital para ser atendido polos efectos secundarios do tratamento que segue contra o cancro.
O Palacio de Buckingham informou nun comunicado de que tras o tratamento médico que recibiu sufriu efectos secundarios "que requiriron un breve período de observación no hospital".
Por iso, a pesar de regresar xa a súa residencia de Clarence House, as súas actividades previstas para a tarde do xoves tiveron que ser pospostas e igualmente a súa axenda para o venres foi suspendida.
O monarca, que foi diagnosticado dun cancro non especificado en febreiro de 2024, tiña previsto recibir as credenciais dos embaixadores de tres países, mentres que o venres dispoñíase a participar en catro actos públicos en Birmingham (centro de Inglaterra).
Tras desprazarse nun vehículo ao hospital London Clinic, onde xa foi tratado da súa doenza, Carlos III áchase de novo en boa forma na súa residencia, onde continuou o seu traballo de oficina así como con algunhas chamadas programadas de antemán.
Buckingham non prevé grandes alteracións no seu programa dos próximos días, aínda que é posible que se alixeiren algo as súas actividades para permitirlle recuperarse ben ante a súa próxima visita de Estado a Italia, que comeza en só 10 días e mantense como estaba planeada.
O palacio insiste que se trata dun feito puntual no seu tratamento e que a súa loita contra o cancro segue por bo camiño.