O Papa abandona o hospital e regresa ao Vaticano tras 38 días ingresado
O pontífice saudou dende a fiestra da clínica Gemelli na súa primeira aparición pública tras enfermar
Agora continua a recuperación na casa cun período estimado de convalecencia de, polo menos, dous meses
O papa Francisco abandonou este domingo o policlínico Gemelli de Roma, onde permaneceu 38 días ingresado por unha infección respiratoria, tras recibir a alta médica. Agora, vai continuar coa recuperación na súa residencia da Casa Santa Marta, no Vaticano.
O pontífice, de 88 anos, deixou o hospital a bordo do pequeno utilitario que habitualmente usa para os seus desprazamentos. Decenas de persoas e medios de comunicación congregáronse ás portas do centro para presenciar o momento.
Minutos antes, fixo a súa primeira aparición pública tras a hospitalización. Dende o balcón do apartamento que ocupou nas últimas semanas, saudou e deu a súa bendición nun acto retransmitido en directo a través dunhas pantallas colocadas na praza de San Pedro.
"Agradezo a todos (...). Vexo esa señora coas flores amarelas, que ben!", dixo ante a multitude, coa voz moi feble.
O prolongado uso de osíxeno debilitoulle os músculos da gorxa, polo que non puido dicir nada máis. No tempo que estivo ingresado, sufriu varias crises que puxeron a súa vida en perigo.
O texto do Angelus volveu difundirse por escrito, como nas últimas semanas, xa que debe continuar coa rehabilitación para poder recuperar a voz na súa totalidade.
Convalecencia
Segundo as previsións do equipo médico que o trata, o papa Francisco debe continuar coa terapia parcial e a convalecencia na casa durante, polo menos, dous meses.
O 14 de febreiro ingresou por unha insuficiencia respiratoria aguda debido a unha infección polimicrobiana. Pouco despois, sufriu unha pneumonía bilateral severa.
"A vida do Santo Padre correu perigo. As terapias farmacolóxicas, a subministración de osíxeno de alto fluxo e a respiración mecánica non invasiva fixeron que rexistrara unha lenta pero progresiva mellora que lle permitiu saír dos episodios máis críticos", sinalou o persoal médico.

"Período de repouso axeitado"
O Papa xa empezou a "fisioterapia respiratoria" e os médicos agardan que "nun tempo breve" poida volver á súa actividade normal. A recomendación é tomar un período de repouso e de convalecencia axeitados.
"Cando tes unha pneumonía bilateral, os pulmóns quedan danados e tamén os músculos respiratorios sofren dificultades, e unha das primeiras cousas que ocorre é que se perde un pouco a voz (...). Se o comparamos con hai dez días, notamos unha mellora importante", destacaron os médicos.
O doutor Sergio Alfieri do hospital Gemelli detallou que no caso dos pacientes ingresados con perfil similar ao do Papa, da súa idade e con problemas crónicos respiratorios, os "últimos progresos son na casa".
"Os últimos progresos son na casa porque no hospital, aínda que pareza raro dicilo, é o peor lugar onde podes estar para facer a convalecencia porque aí podes coller máis infeccións".
Tamén engadiu que o Papa "non é diabético", ao ser preguntado pola prensa sobre as diferentes probas que lle fixeron durante a súa hospitalización.
O día 16 de marzo, o Vaticano distribuíu unha foto do pontífice, a primeira tras un mes no Gemelli. Na imaxe, tomada esa mesma mañá, estaba sentado en cadeira de rodas e revestido para a misa na capela do seu cuarto.
