Piden 42 anos de cárcere para un home e unha muller por violar e prostituír unha menor en Lugo
A Fiscalía acusa un home e unha muller de abusar sexualmente dunha adolescente durante máis dun ano en Lugo e lucrarse coa súa explotación

O fiscal pide un total de 42 anos de cárcere para un home e unha muller que sentarán este martes no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo por presuntamente prostituír e agredir sexualmente unha menor en Lugo.
No caso dela, para responder por un delito continuado de prostitución infantil e como cooperadora necesaria noutros dous de agresión sexual continuada á mesma vítima, mentres que el foi imputado como investigado por agredir supostamente a nena e por obter relacións con ela a cambio de “remuneración”.
O ministerio fiscal pide 14 anos de reclusión para a muller polo delito continuado de prostitución infantil e outros 14 como “cooperadora necesaria dun dos delitos continuados de agresión sexual a unha menor de dezaseis anos en concurso medial co delito continuado de prostitución infantil”.
Así mesmo, pide para a muller, unha vez cumprida a pena privativa de liberdade, a prohibición de achegarse á vítima ou comunicarse con ela por calquera medio durante 20 anos, outros tantos de liberdade vixiada, 40 anos de inhabilitación para exercer calquera profesión que implique o contacto con menores de idade e a suspensión da patria potestade durante dez anos.
Para o acusado, o fiscal solicita a pena de 14 anos de prisión por “un delito continuado de agresión sexual a menor de dezaseis anos en relación de concurso medial co delito continuado de obtención de relacións sexuais con menor de dezaseis anos a cambio de remuneración”.
O ministerio público tamén pide que se lle prohiba achegarse á vítima ou comunicarse con ela por calquera medio durante 9 anos, unha vez cumprida a pena de cárcere.
Así mesmo, pide que a procesada indemnice a vítima con 120.000 euros e o acusado con 70.000 polos danos morais causados. O ministerio fiscal solicitou que o xuízo se celebre a porta pechada para “a adecuada protección dos dereitos fundamentais da vítima, en particular o seu dereito á intimidade”