Publicador de contidos

Publicador de contidos

Camelias e bonsais engaoilan Padrón

Camelias e bonsais engaoilan Padrón

Unha exposición amosa exemplares espectaculares froito dunha afección con cada vez máis seguidores en Galicia

Creouse o premio á Mellor Camelia de Orixe Galega para fomentar a produción autóctona

 

G24.gal 30/03/2025 14:55

No histórico escenario do convento do Carme, Padrón acolleu unha nova edición da exposición dedicada ás camelias, unha flor procedente do Xapón e que se introduciu en Galicia no século dezaoito. Cultivada nos pazos e nas casas señoriais, pouco a pouco foise espallando por todo o territorio ata conformar unha gran lexión de afeccionados e coleccionistas.

"É a novena edición da Exposición de Camelia e Bonsai de Padrón. É un evento que facemos todos os anos e vén xente de toda Galicia", concreta o organizador da exposición, José Freire.

"A min sempre me gustaron as flores, e empezamos a adquirir camelias. Ías vendo unha que che gustaba e diciamos: imos mercala. E así conseguimos unha colección, que temos aquí en Padrón, dunhas cincocentas camelias", relata como comezou no mundo destas flores a coleccionista Nati Abalo. 

"Son fráxiles, moi fráxiles. Pero cando están en plena floración é impresionante", acompaña Maru Míguez, outra das participantes na exposición.

Nesta novena Exposición de Camelia e o Bonsai entregáronse varios premios. Entre os máis salientables, o da Orixe Galega á mellor flor individual orixinada en Galicia. 

"Tivemos a idea de facer un premio á mellor camelia de orixe galega. O que fomentamos é que a xente saque camelias novas e desde aquí ,de Galicia, porque o noventa por cento da afección de camelia é de Galicia", comenta José Freire, organizador do evento.

Tamén houbo espazo para gozar dos bonsais, con exemplares premiados en varias competicións, todo un reclamo para unha exposición que foi do gusto dos asistentes. O evento continuará este domingo con diversas actividades que homenaxean a explosión de beleza e cor destes milagres da natureza.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade