Uns xubilados galegos conquistan as redes sociais tocando a gaita
Desafiando as baixas temperaturas, reúnense baixo unha ponte de Barakaldo para tocaren
A linguaxe da gaita é tan universal que chega a calquera recuncho do mundo
En Moscova hai tanta afección que mesmo editaron un método de gaita galega en cirílico
Baixo unha ponte, e sen máis público que os condutores e ciclistas ocasionais, un grupo de xubilados galegos leva desde 2011 combatendo a morriña ao ritmo da gaita.
Polo mundo adiante hai rexistrados ao redor de douscentos centros galegos e a gaita é un dos seus signos de identidade. Vémola avanzar por Nova York en cada desfile de San Patricio e, da man da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, chegou a espazos tan icónicos como as pirámides de Exipto ou o Vaticano, onde soaron para o Papa.
Manuel Garrido Rodríguez, etnomusicólogo e profesor da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense: "A min sempre me emociona escoitar a gaita aquí e en calquera lugar do mundo, pero se persoas afastadas da nosa cultura mostran interese polo instrumento, emocióname moito máis".
Un dos países con máis interese na gaita galega é Rusia, onde hai talleres de fabricación do instrumento e mesmo editaron un método para gaita galega en cirícilo.
"Ten moito interese a gaita porque, á vez que soa étnico, ten moitas posibilidades dentro da música actual e combina perfectamente eses dous mundos", explica o profesor Garrido.
A Ourense teñen chegado estudantes dos lugares máis afastados. "Na Escola de Gaitas da Deputación, eu tiven alumnas que viñeron desde o Xapón, desde Irán, desde A India...", enumera o profesor.
Emocionounos durante a pandemia, soando desde a catedral de Ourense, e cada día recórdalles aos peregrinos que xa chegaron ao seu destino.