Alén Nós denuncia a deterioración das esculturas de homenaxe a Verne en Cesantes
A obra de cobre ergueuse fronte á illa de San Simón no ano 2004 e foi elaborada por encargo da Xunta aos artistas Ramón Lastra e Sergio Portela
Os veciños de Redondela consideran que a obra debe ser reparada e acondicionada por tratarse dun ben cultural e dun reclamo turístico que ensina a historia da baía de San Simón
A asociación cultural de Redondela Alén Nós denuncia o mal estado de conservación do conxunto escultórico erguido en 2004 en homenaxe a Xulio Verne en Cesantes.
Está fronte á Illa de San Simón e só se pode ver coa marea baixa. Baixo o mar, os moluscos apropiáronse da obra, homenaxe ás Vinte mil leguas de viaxe submarina, e o seu peso derrubou xa un dos mergulladores do Nautilus.
Este domingo a marea non nos permite ver a deterioración dos dous mergulladores do Nautilus que están ao pé de Xulio Verne, á vista. Integrantes do colectivo Alén Nós ensínannos as fotos que tomaron hai uns días. O peso dos moluscos tirou abaixo xa unha das pezas.
"Con motivo da restauración da Illa de San Simón tamén se colocou aí ese grupo escultórico. Pero desde aquel día, desde 2004 que se colocou, non tivo mantemento nin coidado ningún e agora está abandonado. Pero isto xa forma parte do interese turístico. Forma parte xa do noso patrimonio cultural e queremos que se conserve. Por iso facemos a denuncia", conta a TVG Andrés Couñago, da asociación.
"Se realmente o que instalou isto, que neste caso foi a Xunta de Galicia no seu día cando se restaurou a illa de San Simón, e o Concello tamén, ve que hai unha deterioración, debe tratar de solucionalo", explica Gonzalo Balo, tamén do colectivo.
A obra foi elaborada polos artistas Ramón Lastra e Sergio Portela.