Publicador de contidos

Publicador de contidos

Condenado a 8 anos de cadea por tentar asasinar un home cunha machada en Ourense

Condenado a 8 anos de cadea por tentar asasinar un home cunha machada en Ourense

O tribunal impúxolle a prohibición de aproximarse á vítima durante 10 anos, así como a expulsión de España en canto obteña a liberdade condicionada

A sentenza non é firme, contra ela cabe presentar recurso ante o TSXG

G24.gal 13/03/2025 16:06

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense condenou a oito anos e medio de prisión un home que tentou asasinar a outro no interior dunha discoteca e deberá indemnizar o prexudicado con 4.400 euros.

O tribunal impúxolle a prohibición de comunicarse e de aproximarse á vítima durante 10 anos, así como a expulsión do territorio español en canto obteña a liberdade condicionada, con prohibición de entrar en España durante 10 anos.

Na madrugada do 5 de marzo de 2023, o acusado, que xa tivera ese día un incidente previo coa vítima, achegouse a ela por detrás, portando consigo un machete de 45 centímetros de folla e "asestoulle un golpe de considerable intensidade na cabeza".

O prexudicado virouse, lanzou o vaso que levaba na man e saíu tras o acusado, conseguindo darlle alcance e facéndose coa arma. Como consecuencia da agresión, a vítima precisou 40 días de curación.

Os maxistrados destacan que non consta que o condenado "padeza patoloxía mental algunha, nin que o día dos feitos presentase unha limitación das súas capacidades psicofísicas que lle impedise comprender a ilicitude dos seus actos e actuar conforme tal comprensión".

Subliñan que o ataque foi "sorpresivo e dirixido á cabeza". A iso engaden que empregou "unha arma branca de considerables dimensións", todo o cal "cernou as posibilidades de defensa da vítima e permitiu ao acusado asegurar o resultado perseguido.

Os xuíces destacan "o momento e circunstancia elixidos para acabar coa vida da vítima", pois indican que se aproveitou "dun momento distendido preto da barra dun lugar público onde non parece que sexa esperable ataque algún".

A Sala recalca que o golpe o dirixiu á cabeza, "con tal contundencia que fracturou o óso temporal". Todo iso, segundo conclúen os maxistrados, "determina que a inferencia do dolo de matar sexa evidente, por máis que circunstancias alleas ao agresor non determinasen un risco vital, que foi conxurado coa rápida asistencia prestada.

A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o TSXG.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade