Denuncian o espolio do patrimonio no mosteiro de San Salvador de Asma, en Chantada
O historiador Xosé Méndez constatou que falta unha porta, un tímpano e o enlousado do claustro
É un ben catalogado como BIC en 2018 pero nos últimos anos sufriu danos graves
Unha porta románica, parte doutra medieval e todo o pavimento do claustro do mosteiro de San Salvador de Asma, en Chantanda, foron espoliados durante os últimos tempos.
Así o constatou o historiador Xosé Méndez nos seus traballos de investigación sobre este monumento protexido coa catalogación de ben de interese cultural e recentemente vendido entre particulares.
Hai xa nove anos que o historiador Xosé Méndez publicou un libro sobre este antigo mosteiro, mostra do rómanico, e que levaba máis dun século en mans dunha familia da bisbarra. Ante o seu valor, diferentes colectivos instaron o concello de Chantada a solicitar a súa catalogación como ben de interese cultural, que chegou en 2018, pero aínda así, nos últimos tempos os veciños constataron como se ía espoliando o patrimonio.
"Vexo que desapareceu toda a pedra do chan do claustro. Penso que as pezas de máis valor que se perderon penso que son a porta que entra do claustro á igrexa. Levaron toda a porta completa. E había un tímpano que penso que era único en Galicia, e despois de estudar e comparar, tamén é o único na Península", asegura Xosé Méndez, historiador e sacerdote.
Durante anos puxeron de manifesto a falta de conservación e as obras con maquinaria pesada sen respetar o patrimonio.
"Fixéronse moitas denuncias e incluso se levou a documentación ao Valedor do Pobo pero aquí ninguén dixo nada. Ao tempo de hoxe non sabemos onde están. Oxalá o souberamos! Non para acusar a ninguén, nin para quitarllo nin para nada. Ao mellor fíxose inconscientemente. Pero si saber onde está para poder estudalo", di Méndez
Recentemente o mosteiro foi adquirido pola cadea hoteleira Hotusa, que lle permitiu ao historiador entrar no edificio e constatar as sospeitas que tiña.