Publicador de contidos

Publicador de contidos

Catro séculos despois, o mecanismo que fai voar o Botafumeiro renovouse por completo

Catro séculos despois, o mecanismo que fai voar o Botafumeiro renovouse por completo

Un equipo multidisciplinar renovou o enxeño que axuda a mover o incensario da catedral de Santiago

O corazón do enxeño está formado por dous tambores unidos por un eixe
Félix Aragunde 28/02/2025 21:02

Foi un enxeño revolucionario para a súa época, deseñado nos albores do século XVII polo artista Juan Bautista Celma. Consistente en dous tambores cun eixe, substituíu a roldana medieval.

Permitiulle ao botafumeiro voar sobre a nave transversal da Catedral de Santiago a velocidades de ata 70 quilómetros por hora, seguindo unha traxectoria planificada ao milímetro, de xeito que non batese contra a bóveda nin contra as columnas do templo.

Daniel Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago: "Non se nos ocorre como podía funcionar antes tal como o fai hoxe, porque cun sistema normal de polea non se conseguiríaun voo tan alto sen que chegue a tocar a bóveda".

A caída dun parafuso deu a voz de alarma de que algo non ía ben, como xa viñan alertando os tiraboleiros. Ao baixar o aparello para revisalo, descubriron que as policromías cumprían ser recuperadas. Tamén comprobaron que non todas as pezas eran as orixinais e que acusaban un desgaste que comprometía o seu correcto funcionamento. Urxía, por tanto, unha restauración do mecanismo.

Daniel Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago: "Tocárono claramente no século XX, seguro por elementos engadidos que eran moi evidentes, e incluso poderiamos dicir que un pouco toscos".

Para a reparación do enxeño, foi precisa a intervención de todo un equipo de diferentes disciplinas. Entre os participantes no traballo, figuraban restauradores, carpinteiros, un arquitecto, un aparellador, un mecánico, un historiador, un tiraboleiro e, por suposto, un enxeñeiro.

José González Piñeiro, enxeñeiro industrial: "Había profesionais tanto da carpintería como da mecánica, incluso de aspectos xerais históricos como sería a restauración das pinturas, e ademais tamén representantes dos tiraboleiros".

A esencia do mecanismo mantívose intacta. Así e todo, foi preciso renovar certos elementos danados tras máis de 400 anos de uso. Neste sentido, os autores da restauración botaron man das últimas innovacións en cuestión de materiais. Optaron por empregar, por exemplo, discos encolados.

José González Piñeiro, enxeñeiro industrial: "Cando se estudou a distribución das forzas dentro dos tambores, comprobouse que cos medios da época o que hai é unha concentración de tensións en certos puntos. E cos anos, vanse producindo desaxustes. Hoxe en día pódense empregar colas que permiten distribuir os esforzos e que non resulten tan agresivos".

Tamén se realizou unha investigación das características do movemento da maquinaria. E todo o proceso de restauración quedou recollido, paso a paso, nun vídeo que o ilustra en detalle. Trátase de que este traballo sirva no futuro para que o botafumeiro continúe en perfecto estado.

Daniel Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago: "Para que calquera poida ver que isto, que parece que non é nada, é realmente algo fantástico. É unha peza excepcional dende o punto de vista da carpintería e dende o punto de vista da enxeñería".

Tras meses de traballo, o enxeño foi recuperado por completo. 400 anos despois, o botafumeiro segue a emprender o voo polo transepto da catedral compostelá, para abraio do público desta tradición xacobea.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade