Descobren en Lugo un novo tramo dunha das cloacas romanas da cidade
Os restos desta foron localizados no marco dunhas obras destinadas a corrixir filtracións de auga na catedral
En Lugo acaban de realizar un novo achado arqueolóxico de especial relevancia. Trátase doutro tramo dunha das cloacas construídas no século IV. É dicir, en tempos de Roma, hai arredor de 1.600 anos. Os restos desta cloaca romana foron localizados na céntrica praza de Santa María, no marco dunhas obras que están destinadas a corrixir filtracións de auga na catedral e que está a executar a Consellería de Cultura.
Rubén Álvarez Asorey, arqueólogo da Xunta: "O que nos permite é constatar arqueoloxicamente que está en bo estado de conservación, a un nivel superficial. Para nós é unha satisfacción enorme, dende o punto de vista técnico, ensinarlle isto á cidadanía".
Os novos restos localizados correspóndense coa mesma cloaca que atravesa o claustro da catedral, neste caso a un nivel máis superficial.