Restáurase o enxeño co que o Botafumeiro alza o voo
Despois de 4 séculos de traballo ininterrompido, o mecanismo que move o Botafumeiro someteuse a unha completa restauración
Recupéranse policromías do século SXIII
O enxeño mecánico foi deseñado no 1602 polo aragonés Juan Bautista Celma
Foi un enxeño revolucionario para a época que lle permitiu ao Botafumeiro voar sobre o transepto da Catedral seguindo unha traxectoria planificada ao milímetro para non chocar contra a bóveda e as columnas do templo. A caída dun parafuso deu a voz de alarma de que algo non ía ben, como xa o viñan percibindo os tiraboleiros. Ao baixalo para revisalo atoparon unhas policromías que había que recuperar e descubriron que non todas as pezas eran as orixinais.
"Tocárono claramente no século XX, seguro por elementos engadidos que eran moi evidentes, e incluso poderiamos dicir que un pouco toscos", apunta Daniel Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago
Na reparación do enxeño mecánico, deseñado no 1602 por Juan Bautista Celma, participou un equipo multidisciplinar.
"Había profesionais tanto da carpintería como da mecánica, incluso de aspectos xerais históricos como sería a restauración das pinturas, e ademais tamén representantes dos tiraboleiros", explica José González Piñeiro, director técnico de Refuerza Consultoría.
A esencia do mecanismo mantívose intacta, pero houbo que cambiar os elementos danados.
"Basicamente a intervención foi retirar aquelas pezas que estaban deterioradas e xa inservibles, substituíndoas por outras con materiais actuais, rodamentos e con xa madeiras en bo estado", continúa o enxeñeiro industrial.
Tamén se realizou un estudo de investigación das características mecánicas e de movemento da maquinaria. Todo o proceso de restauración quedou recollido nun vídeo...
"Para que calquera poida ver que isto, que parece que non é nada, é realmente algo fantástico. É unha peza excepcional dende o punto de vista da carpintería e dende o punto de vista da enxeñería, é unha peza excepcional", conclúe o director da Fundación da Catedral de Santiago.