Antón Gómez-Reino, novo director de Talento Internacional de Fundación Nortempo
O antigo líder de Podemos en Galicia impulsará a segunda edición do Programa Retorna Cualifica Emprego da Xunta

O exdeputado e antigo líder de Podemos en Galicia, Antón Gómez-Reino, é o novo director de Talento Internacional de Fundación Nortempo, á fronte da área encargada de dinamizar a identificación e fidelización de talento a nivel global.
A Fundación informou este xoves nun comunicado de que a área que agora dirixe Gómez-Reino impulsará a segunda edición do Programa Retorna Cualifica Emprego coa Consellería de Emprego, Consumo e Emigración da Xunta.
O coruñés foi presidente da Comisión de Traballo, Seguridade Social e Migracións, vicepresidente da Comisión de Exteriores e vicepresidente da Comisión Constitucional, ademais de portavoz en materia de relacións internacionais, como a Comisión Mixta de Relacións coa Unión Europea do Congreso e do Senado e membro da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa ou da OSCE.
A Fundación Nortempo, o instrumento a través do cal Grupo Nortempo canaliza todas as súas accións e políticas de responsabilidade social empresarial, sinalou que "a dilatada experiencia en relacións internacionais e vocación social" de Gómez-Reino "aválano para dirixir a área de Talento Internacional, dentro dun grupo establecido na Península Ibérica e Latinoamérica, en máis de 6 países e con capacidade para conectar talento desde calquera parte do mundo".
Para o exdeputado, este é "un reto ilusionante" que afronta cun "obxectivo inmediato como é impulsar o Plan Retorna" para "conectar talento galego no exterior coas súas raíces, creando valor en Galicia, contribuíndo a impulsar sectores con dificultades de contratación e fixando poboación".
"Cremos que a demanda de talento internacional é chave agora mesmo. Aspiramos como Fundación a consolidarnos en conectar América Latina, a Unión Europea e África con sectores e tecido produtivo local", manifestou.