Gómez-Reino confía en que Sumar revalide o Goberno de coalición nas próximas xerais do 23X
Gómez-Reino confía en que Sumar revalide o Goberno de coalición nas próximas xerais do 23X
O deputado de UP no Congreso defende a candidatura da plataforma e prefire non falar da ausencia de Irene Montero nesas listas, por tratarse dunha decisión interna do partido
Gómez-Reino contestoulle á ministra Calviño poñendo en valor as políticas públicas de UP no Goberno en materia de salarios, vivenda ou pensións.
Este mércores abriuse o prazo de presentación de candidaturas para as eleccións xerais. Nas listas da plataforma que lidera Yolanda Díaz figuran nomes como o de Marta Lois ou Verónica Martínez.
Falamos na RG da candidatura e do proxecto de Sumar con Antón Gómez-Reino, exsecretario xeral de Podemos Galicia, actual deputado no Congreso por UP.
Gómez-Reino non irá nas listas de Sumar. Tampouco confirma nin desmente se se presentará como eurodeputado nas eleccións do ano que vén. Si trasladou que a partir de agora se vai centrar en cuestións de política internacional e traballar na campaña de Sumar, para que o proxecto liderado por Díaz volva revalidar o goberno de coalición.
O deputado de UP defendeu o proxecto colectivo de Yolanda Díaz e da formación morada, avalado polas políticas públicas levadas a cabo polo nos últimos anos.
"Sen Yolanda e sen Unidas Podemos... se a plataforma Sumar non estivera no Goberno, non se aumentaría o SMI, non teriamos acordo en materia de pensións e non seriamos agora mesmo a economía que somos a nivel europeo", asegurou.
Gómez-Reino atribuíu os resultados de UP das eleccións de maio á contrapropaganda da dereita, con gran poder mediático, afeita a enturbar o debate público con "mantras falsos".
Pola contra, afirma, Sumar conta non só cun programa, senón tamén cun amplo currículo acreditado en materia de igualdade, traballo ou dereitos sociais.
"Cómpre poñelo en valor para que Sumar teña unha posición preponderante no próximo goberno e desenvovler un proxecto de país nun horizonte a 10 anos", manifestou.
Veto a Irene Montero
Sobre o veto á Irene Montero nas listas de Sumar, aclarou que é fundamental para a plataforma facer unha síntese entre experiencia e renovación, e que, en calquera caso, non corresponde facer un debate público de asuntos internos do partido.
"Son cuestións internas de partido... Á xente preocúpalle o seu posto de traballo, chegar a fin de ano con mellores datos de emprego, o futuro dos seus fillos, o cambio climático... e é o proxecto Sumar o que conta con propostas factubles, efectivas e que o ten demostrado nos últimos catro anos".
Trasladou que nas próximas semanas traballará para facer a mellor campaña e fortalecer o espazo polífico da nova formación para poder levar a cabo políticas públicas máis expansivas e comprometidas coa cidadanía. Unha campaña en que, manifestou, Yolanda Díaz terá un papel central, pero tamén será clave a figura de Belarra.
"A xente sabe que se o noso espazo político non estivese dentro do Goberno non habería ERTE, lei de vivenda, reforma laboral histórica... Diso é do que temos que falar nesta campaña".
Ministra Calviño
Nesa liña respondeu ás palabras da ministra Calviño, quen aludiu ao pouco peso de UP nas políticas económicas do Goberno. Gómez-Reino remarcou a ortodoxia política de Calviño, que se viu "arrastrada" por políticas públicas moi diferentes en materias como salarios, pensións, vivenda... grazas á presenza de membros de UP no Goberno.