Sada reparte catro mil filloas neste domingo de Entroido
O prato custa tres euros e trae catro filloas que se poden acompañar de doces e unha bebida
A merenda estivo adobiada coa música da agrupación Amizades
Nun domingo de Entroido non podían faltar as filloas para a merenda e unha festa para compartilas En Sada repartíronse 4.000 filloas, acabadas de facer e acompañadas dun café ou dunha copiña de anís.
Preparado o amoado, un anaco antes para que abra a fariña e corra a masa na filloeira, esta cociña improvisada no pavillón de deportes recordaba unha cadea de produción. Bombonas de butano, fogóns grandes e filloeiras ben quentes a cociñar sen repouso. A receita non semella complicada pero a feitura é laboriosa.
"O máis importante é collerlle o punto aos filloeiros para poder producir regularmente porque se tes pouco lume a filloa non sae no punto e se tes moito, quéimase. Entón buscar o equilibrio é o máis importante. E despois aguantar a calor, pero estamos no inverno e non mata a ninguén", asegura Alejandro González, filloeiro
Entre dous cociñeiros sacan cada hora 250 filloas, repártenas en racións de catro en cada prato e cadaquén cómeas ao seu xeito.
"A todos nos gustan as filloas pero dan moito choio. Entón é mellor achegarse ata aquí, que está todo feito e ademais temos acompañamento musical", di Marcos Villar, concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística de Sada
E ese adobío extra da festa da filloa púxoo a agrupación Amizades, que deleitou a merenda con boleros de veteranos.