As madamitas estoupan un ano máis no San Lázaro de Ourense
A cidade das Burgas festexa, no día de san Lázaro, unha das súas festas máis tradicionais e singulares
O centro énchese de postos de rosquillas e celébrase a queima das madamitas, unha práctica con orixes medievais
Coma en tantas festas populares, a tradición católica e a pagá conviven no día de san Lázaro de Ourense. Tras deixar o santo en procesión, os fregueses dispérsanse polo céntrico parque para mercaren as rosquillas.
Pero o símbolo do san Lázaro ourensán son as madamitas, condenadas a estoupar tras un frenético baile de rotación.
"Están feitas de papel, coma os bonecos que nos ensinaban a facer no colexio, pero estas levan un petardo na cabeza e por iso estoupan", explica Hugo Salgado, da Pirotecnia Josman.
Unha a unha, as madamitas exhíbense perante o numeroso público concentrado na contorna do parque.
"A sensación é de alegría, pero cando estoupan sempre te pos un pouco nervioso", comenta un veciño de Coles que todos os anos asiste ao San Lázaro.
"É coma unhas fallas en miniatura", conclúe outra veciña.
Dez minutos escasos dura este singular espectáculo que ano tras ano arrinca os aplausos do público.