Discrepancias en Cangas polo repenique das campás da excolexiata
O concello de Cangas ameaza con multas de ata 1.200 euros polo ruido que levan anos denunciando os veciños da zona
O Arcebispado de Santiago di que o toque manual das campás é Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade
O repenique das campás da excolexiata de Cangas enfronta o Concello e o Arcebispado de Santiago, que pode ser multado con ata 1.200 euros. Hai anos que abriron o expediente polas queixas dos veciños da zona, que se repetiron nos últimos meses. Entenden que cando soan superan os decibelios pemitidos.
As campás da igrexa de Santiago de Cangas, coñecida na vila como a excolexiata, soan varias veces ao día. Un son que provoca molestias a algúns veciños da zona que levan anos denunciando que superan o límite permitido. As opinións na rúa Real son variadas porque hai tamén a quen non lle molestan e mesmo hai quen está afeito xa a vivir con este son e non escoitan nin a campá que toca a primeira hora da mañá.
O Concello de Cangas ten aberto un expediente sancionador. A multa contra o arcebispado de Santiago estaría entre os 601 e os 1.200 euros polo elevado son das badaladas. A igrexa alega que é un acto tradicional e que o expediente estaría caducado porque o Concello non lle comunicou en prazo a resolución da inspección, da medición acústica que fixeron hai xa cinco anos.