Publicador de contidos

Publicador de contidos

Quéixanse os repartidores da zona vella compostelá: "Sempre temos que andar a correr porque temos o tempo moi limitado"

Quéixanse os repartidores da zona vella compostelá: "Sempre temos que andar a correr porque temos o tempo moi limitado"

A ordenanza municipal establece o horario de entrada de vehículos de repartimento entre as 7 e as 10 da mañá

Os distribuidores quéixanse de que a esa hora aínda hai moitos establecementos pechados

G24.gal 16/04/2025 14:20

Os distribuidores que abastecen a hostalería da zona vella de Santiago teñen que correr para deixar repartida a mercadoría sen pasar do horario. Está limitado entre as sete e as dez da mañá. Nas rúas de viños por excelencia, como O Franco ou A Raíña, xúntanse máis de 70 establecementos. Aos distribuidores non lles dan as contas:

"Para repartir, en cada establecemento de hostalería requírese un mínimo de 15-20 minutos, porque os distribuidores non só levan a mercadoría senón que a colocan no almacén e recollen o retornable", explica Mar Fernández, secretaria da asociación de distribuidores Adisga. "Fai contas -di-: 70 locais, por tres horas, é insuficiente".

Din ademais que o groso do traballo se concentra na última hora, porque moitos establecementos están pechados antes. Explica un repartidor que se expoñen a unha multa "de 200 euros" se pasan de horario. Así que as opcións son ou aparcar fóra da zona controlada e repartir a golpe de carro ou deixar a mercadoría á porta do establecemento pechado. "Iso supón -di Mar Fernández, de Adisga- posibles sancións o distribuidor, que aínda é dono da mercadoría que non se entregou; roubos de mercadoría ou deterioración da mesma". 

"A cervexa xa é complicado deixala na rúa, porque nola rouban", di un repartidor. "Nin Coca-Cola, nin viño, nada, hai que deixar auga".

Dende Adisga piden polo menos unha hora máis para repartir na zona histórica. Tamén demandan máis áreas de carga e descarga nos arredores, ou recuperar o proxecto dos serenos, para recibir a mercadoría nos establecementos pechados. Nel colaboraran Concello, distribuidores e hostaleiros, pero sumáronse poucos e de momento quedou en suspenso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade