Piden retirar valados de obra na Mariña pola chegada de miles de turistas
Os hostaleiros cren que pode afectar os seus negocios, sobre todo o día 22, cando 15.000 cruceiristas chegarán á Coruña
Algúns veciños apoian a súa demanda mentres outros lembran que a reforma dos Cantóns tamén beneficia os bares
A remodelación dos Cantóns da Coruña, xerou as primeiras molestias entre os comerciantes da zona afectada. Trátase dos hostaleiros da Mariña, que ven dificultado o acceso aos seus negocios e piden que se vaian abrindo os treitos que sexa posible.
"Cremos que sería posible ir abrindo os treitos que xa están rematados, porque ademais o día 22 agardamos 5 escalas de cruceiros e 15.000 turistas na cidade", asegura Alberto Boquete, o presidente da Asociación de Hostaleiros da Mariña.
Entre os veciños atopamos opinións de todo tipo, desde os que entenden as protestas ata os que consideran que os hostaleiros serán os mais beneficiados por estes traballos.
Durante a Semana Santa as obras están paradas, retomaranse o vindeiro luns, o día antes da chegada de cinco cruceiros que traerán á Coruña a máis de quince mil turistas.