Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rescatan vivo un home duns 80 anos que caeu dun terceiro a un patio interior na Coruña

Rescatan vivo un home duns 80 anos que caeu dun terceiro a un patio interior na Coruña

O home levou un golpe na cabeza, pero a cuberta do patio amorteceu o golpe

O afectado non soubo explicar que facía na ventá a esas horas da mañá nin por que caeu

G24.gal 08/04/2025 14:12

Tremendo susto na Coruña. Un forte estrondo espertou os veciños de todo o edificio. Sen saber moi ben que pasaba, atoparon a causa no patio interior.

"Escoitamos un ruído fortísimo, levantámonos e escoitamos o queixido dun señor maior", explica un veciño.

"Souben que meu pai caera cando escoitei que a veciña estaba falando con el. Non sabía que pasaba, pero o certo é que caera meu pai. Non caeu de cheo no chan, por iso non se fixo maior cousa", explica o fillo.

Cos oitenta anos feitos, pode dicir que volveu nacer. Caeu dun terceiro andar, pero, en realidade e por sorte, só foron dúas alturas. O teito do patio do veciño do primeiro amorteceu o golpe.

"Sorte que estaba o tellado, porque se cae ao piso a cousa sería máis forte", advirte o veciño

O home quedou noqueado, pero deseguida recobrou a conciencia, e case foi peor.

"En pouco tempo xa estaba consciente e quería levantarse polo seu pé e eu dicíalle que non se movese porque podía caer abaixo, e son cinco metros máis porque a estrutura é moi feble", conta unha das veciñas que o auxiliou.

Nin a familia nin os veciños, nin o propio afectado, saben explicar que pasou minutos antes. Era cedo, as sete da mañá. Nin sequera amencera.

"Imaxino que estaba collendo algo e caeu ao chan. Iso foi o que me dixo", avanza o fillo.

Pasou preto dunha hora ata que conseguiron evacualo.

"Sacárono por un burato que é unha trapela para limpar o teito. Sorte que estaba iso e puidérono baixar por aí", engade o home que o socorreu. 

A vítima, de idade avanzada, recupérase no hospital. Ten un golpe na cabeza e unha lesión no pescozo, pero non corre perigo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade